Arrinca a lexislatura: Santalices repite como presidente do Parlamento

Estará acompañado por Diego Calvo e Corina Porro ► Montse Prado e Mariña Ortega completan o órgano reitor
Constitución del Parlamento gallego. LUIS POLO
photo_camera Mesa de idade. M.G.P

O veterano político popular e deputado pola provincia de Ourense, Miguel Santalices, revalida a confianza do presidente do PPdeG e da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, e volverá presidir a Cámara na XI Lexislatura, acompañado de Diego Calvo e Corina Porro, deputados pola provincia A Coruña e Pontevedra, respectivamente. 

Santalices, deputado autonómico desde a V Lexislatura, asumiu por primeira vez a Presidencia da Cámara en xaneiro de 2016 para relevar a Pilar Rojo, tras saír ela elixida como deputada do Congreso por Pontevedra nas eleccións xerais de decembro de 2015. 

Así, Feijóo depositou, unha vez máis, a súa confianza no ourensán, e fíxoo tamén con Diego Calvo, que por primeira vez foi vicepresidente da Cámara na lexislatura pasada.

De novo haberá unha cara nova no órgano reitor da Cámara. O número dous por Pontevedra, Corina Porro, unha veterana dirixente popular que foi rescatada polo presidente da Xunta, agora en funcións, para levar a delegación territorial da Administración autonómica en Vigo. 

Os dous cargos restantes no órgano reitor da Cámara autonómica corresponden á oposición. Así, Montse Prado ocupará a vicepresidencia segunda en representación dos 19 escanos obtidos polo BNG e o PSdeG colocará, cos seus 14 deputados, a Marina Ortega como vicesecretaria segunda. 

En canto á dirección do grupo, Pedro Puy seguirá como portavoz e contará con tres viceportavoces: Miguel Tellado, secretario xeral do partido, xunto con Elena Candia e Paula Prado. 

Comentarios