As urnas falan na USC e na UVigo

Juan Viaño e Antonio López volven disputarse catro anos despois a cadeira de brazos de reitor da Universidade de Santiago

A Universidade de Santiago celebrase este luns unha xornada electoral para elixir reitor entre o actual ocupante desa cadeira de brazos, Juan Viaño, e o que foi o seu opoñente nos comicios de hai catro anos, Antonio López. Ademais, decidiranse os membros do claustro.

Na institución compostelá están chamadas a votar entre as 10.00 e as 18.00 horas 27.347 persoas, das que 23.488 son estudantes, 1.455 profesores doutores con vinculación permanente, 972 persoas pertencentes a outras categorías de persoal docente e investigador e 1.472 integrantes do persoal de administración e servizos.

De xeito ponderado, o voto dos profesores doutores suporá o 51%, o dos estudantes o 28%, o dos integrantes doutras categorías de persoal docente e investigador o 11% e o dos PAS un 10 por cento.

Os proxectos de Viaño e López coinciden na necesidade de reactivar o investimento na institución compostelá, sobre todo no capítulo do persoal, tras a contención emprendida para sanear as contas.

A proclamación provisional do reitor electo producirase o 26 de abril, cun prazo entre o 27 e o 2 de maio para a presentación de recursos ante a Comisión Electoral. A proclamación definitiva será o 7 de maio. Se fose necesario, contémplase a celebración dunha segunda volta, cuxa votación se produciría o día 14 de maio. O proceso concluiría, neste último suposto, o 24 de maio, coa proclamación definitiva do reitor electo.

A Universidade de Vigo tamén elixe este luns reitor entre Emilio Fernández e Manuel Reigosa.

Comentarios