Asasinado a tiros un militar galego en Venezuela: "Fixéronlle unha emboscada"

Os seus pais, veciños da Estrada, non se cren que o móbil do crime fose o roubo
Gallego asesinado en Venezuela. TVG
photo_camera Galego asasinado en Venezuela. TVG

Unha ducia de tiradores acabaron coa vida en Venezuela de Viberto Quinteiro, un militar de orixe galega que, segundo a súa familia, foi vítima dunha emboscada. Dispararon ao seu coche cando, ao parecer, dispúñase a comprar unha camioneta de segunda man e roubáronlle todo o que levaba encima. Fillo de emigrantes estradenses no país, tiña 55 anos.

O suceso tivo lugar na urbanización Araguita de Ocumare Tuy, municipio Tomás Lander, estado Miranda. ía acompañado doutras dúas persoas, seguindo as indicacións que lle daban os supostos vendedores, cando se produciu o asalto. Os seus familiares non cren que o móbil do crime fose un roubo. 

"Fixéronlle unha emboscada. É o que está no meu corazón e na miña mente, porque eu sei que el non era tan desprevido e que tiña coñecementos para saberse protexer", afirmou Flores Pérez, nai do falecido, en declaracións recollidas pola TVG. Nin ela nin o pai da vítima, nin a súa muller nin unha filla puideron desprazarse a Venezuela polas restricións do coronavirus. Atópanse actualmente á espera de poder repatriar o seu corpo a Galicia.