A asimetría viaria castiga a Galicia

O mapa de peaxes camiña cara a un desequilibrio que penaliza aos galegos, polo que a Xunta propón a Fomento compensar este agravio cun pago de 266 millóns a Audasa que evite que se disparen as tarifas

LA AP-9 a su paso por Pontevedra.GONZALO GARCÍA
photo_camera A AP-9 ao seu paso por Pontevedra.GONZALO GARCÍA

A Xunta de Galicia lanzou este luns dúas propostas "realistas" ao Goberno central coas que pretende, por unha banda, evitar que "nunca máis" se produzan subidas extraordinarias de peaxes na AP-9 e, pola outra, cortar o "gran negocio" que ten a concesionaria Audasa coa autoestrada galega, que ao final sae sempre do mesmo sitio: o peto dos cidadáns.

Nun ambiente máis tenso do habitual entre o Executivo autonómico e o central, con eleccións á vista e en pleno debate da trasferencia da vía, o que pretende a Xunta é arrincar o compromiso firme do equipo que saia das urnas o 28 de abril de que revise á baixa as grandes cifras do convenio asinado entre o Ministerio de Fomento socialista e Audasa no ano 2011. A idea é cambiar a filosofía daquel acordo, baseada no financiamento das obras de ampliación da AP-9 con cargo a subidas nas peaxes, para que se custeen con cargo aos orzamentos do Estado.

Cal é a situación hoxe?

O Goberno de José María Aznar estirou a concesión da AP-9 ata 2048. Despois, o convenio asinado polo Executivo de Zapatero e Audasa fixou unha subida de peaxes dun 1%, anual e acumulativo, nos próximos 18 anos para compensar o investimento nas obras de ampliación de Rande e Santiago. A isto engádense os incrementos entre 2018 e 2020 para sufragar as bonificacións de tarifa nos tramos de Pontevedra a Vigo asinados polo gabinete de Rajoy. E para rematar está o que some o IPC. O resultado é que as peaxes subirán entre un 18% e un 24% en 2025, o que significaría pagar 20 euros pola viaxe Vigo-A Coruña.

Que propón a Xunta?

A Consellería de Infraestruturas realizou un "intenso" análise de todos os acordos, estatísticas, estudos e informes relacionados coa AP-9, tras o que sacou varias conclusións que se resumen nunha: existe un enriquecemento "inxusto" de Audasa coa AP-9. A razón habería que buscala, segundo a Xunta, nese Real Decreto 1733/2011, que disparará as tarifas ata o final da concesión, en 2048. Nese momento os galegos pagarían 1.463,05 millóns por esa subida do 1% anual e acumulativo para financiar unhas obras de ampliación que en realidade lle custaron á concesionaria 223,22 millóns. E é que o convenio é "escandaloso", en palabras da consellería. As vantaxes para Audasa son interminables: aplica un tipo de interese do 8% "sen mecanismos de revisión"; realiza un cálculo "esaxerado" dos custos de conservación en Rande e Santiago (141 millóns) cando os tramos novos apenas teñen gastos neste sentido; e fixa unha compensación extra de 244 millóns ao entender que se Audasa ten máis beneficios terá que pagar máis imposto de sociedades.

Neste contexto, que a consellería considera de total inxustiza, a Xunta propón revisar ese convenio de 2011 para que o Estado realice un pago anual de 53,19 millóns á concesionaria durante cinco anos (case 266 millóns en total) para amortizar por vía orzamentaria as obras de ampliación xa executadas, de forma que non haxa máis sustos con subidas extraordinarias de peaxes. En segundo lugar, o Executivo autonómico expón outro pago anual do Goberno a Audasa ata o final da concesión (o primeiro ano serían 12,9 millóns) para poder aplicar bonificacións do 25% en traxectos de ida e volta o mesmo día, para turismos e camións durante toda a semana. Con ambas as medidas, máis "viables e realistas" que un rescate da AP-9, que obrigaría a un desembolso millonario "en man" para a concesionaria, a consellería entende que se amortecerían os efectos negativos dese convenio subscrito no ano 2011.

Estado das autoestradas de peaxe en 2021

Por que agora?

O Executivo galego levará as súas propostas ao Hórreo e ao Congreso e as trasldará directamente a Fomento en canto se reúna a comisión bilateral sobre a AP-9. A razón deste paso á fronte neste momento obedece a varias razóns: o novo escenario electoral que se abre a nivel estatal, a existencia dun debate sobre o traspaso da autoestrada e, sobre todo, o "clamor social" existente en Galicia ante o "agravio" ao que está sometida a comunidade en materia de peaxes. "Subiron case un 6% en catro meses, cinco veces máis que o IPC", apuntan desde a consellería.

Que escenario se abre?

A orixe do problema radica na convivencia entre dous sistemas en España: as autovías ou autoestradas gratuítas e as de pago. Este escenario nunca foi equilibrado, pero os últimos acordos e acontecementos (rescate de radiais madrileñas, levantamento de peaxes en autoestradas de pago que terminan a súa concesión...) debuxa un novo mapa de total asimetría entre a España mediterránea e a cantábrica que penaliza de forma especial a Galicia. Nuns anos, será a comunidade con máis quilómetros de peaxe xunto a Euskadi e Cataluña, aínda que esta última con alternativas paralelas gratis. Ademais, Galicia está dobremente penalizada: a súa conexión con Madrid ten peaxe en Guadarrama.

Por outra banda, é máis que probable que se a Xunta segue adiante co seu plan se acabe cronificando nos tribunais esta disputa. E é que a revisión dun convenio con Audasa á baixa non é algo novo. A Xunta xa o fixo co asinado polo bipartito en 2006, ao apreciar tamén un enriquecemento inxusto coa gratuidade das peaxes de Rande e A Barcala. Nesa ocasión presentou recurso ante o Supremo e o asunto está pendente dos tribunais. "Supomos que Audasa irá ao contencioso, como fixo no momento no que rompemos ese convenio do bipartito, que era inxusto para os galegos e beneficioso para Audasa", afirmaron este luns a conselleira Ethel Vázquez e o responsable da Axencia de Infraestruturas, Francisco Menéndez.

Comentarios