Atopan en bo estado un home de 73 anos que desaparecera en Carnota

Saíra a pasear polo monte e de camiño a casa "desorientouse e perdeuse"

Un home de 73 anos que estaba desaparecido desde a noite do venres no municipio coruñés de Carnota foi atopado en bo estado na mañá deste sábado, salvo por algúns arañazos polos toxos e un golpe nas costas debido a unha caída. 

Segundo informa a Policía Local a Europa Press, o home saíu a pasear polo monte, pero no seu camiño de retorno a casa "desorientouse e perdeuse". 

Finalmente, foi localizado "fatigado e con algo de frío" sobre as 10.00 horas deste sábado en Chas das Lamas por un veciño e a Policía Local. 

Despois de que a familia dese a voz de alerta pola desaparición comezaron as tarefas de procura nas que tamén colaboraron Garda Civil e GES de Muros, entre outros.