Audasa 'pasa' de Fomento e mantén a peaxe a pesar dos novos cortes en Rande

Tras o paso de Rajoy pola provincia, as obras seguen inutilizando carriis, as retencións colapsan a AP-9 nas horas punta e a concesionaria segue cobrando

Imagen de las obras en Rande, este martes, con nuevos cortes de carriles. DP
photo_camera Imagen de las obras en Rande, este martes, con nuevos cortes de carriles. DP

O Ministerio de Fomento anunciouno hai unha semana aos catro ventos e con suprema contundencia: ordenaráselle á concesionaria da autoestrada que levante as barreiras da peaxe entre Pontevedra e Vigo en situacións excepcionais

Así rezaba a nota pública do Goberno tras reclamar a presenza de Audasa a unha reunión urxente na que se analizou o impacto no tráfico das obras de ampliación en Rande. A cita tivo lugar 41 meses logo de iniciadas as obras e centos de atascos máis tarde, con miles de usuarios atrapados e sen servizo desde febreiro de 2015 ata este mesmo martes.

Fomento dicíalle así basta á xestora da AP-9 a quince días da conclusión duns traballos que ocasionaron miles de protestas de clientes e alcaldes dos municipios afectados. O luns Audasa abriu de novo todos os carriis da ponte de Rande ao tráfico, curiosamente o mesmo día en que o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, acudía ao Círculo de Empresario de Vigo e o seu coche oficial atravesaba a autoestrada. Pero o martes, xa sen Rajoy por medio, as obras regresaron, os cortes de carriis tamén e, con eles, as colas. Ata tres quilómetros de atasco nas horas punta do día... e Fomento sen considerar a excepcionalidade, sen ordenar a apertura das peaxes e, de novo, orixinando centenares de protestas dos usuarios ao seu paso polas cabinas de cobro.

Ampliar de catro a seis os carriis da famosa ponte da autoestrada sobre a ría viguesa custou 192 millóns de euros. E desde febreiro de 2015 ata xaneiro de 2018, Audasa xa recadara nas dúas peaxes implicados (Vilaboa e Redondela) algo máis de 150 millóns de euros.

Ademais, a concesionaria da AP-9 poderá aplicar unha subida xeral das súas tarifas desde o 1,9% vixente desde o pasado 1 de xaneiro, ata o 3,8% admitido polo Goberno central no convenio establecido para a mellora da ponte de Rande.

QUEIXAS DO PSOE. A situación provocou que este mesmo martes o secretario xeral do PSDEG-PSOE na provincia, David Regades, califciase de tomadura "de pelo" os anuncios realizados por Fomento sobre o levantamento das peaxes.

"Hoxe mesmo –sinalou referíndose ao martes– as retencións chegaban ao túnel de Puxeiros e as barreiras estaban baixadas. O anuncio de Fomento e Audasa non é máis que unha tomadura de pelo a cidadanía".

Para o responsable socialista, o Ministerio só trata de compracer "á concesionaria dá autoestrada e evitar a contestación social que supón ter inaugurado unhas obras que estaban sen rematar".

Comentarios