A Audiencia absolve á acusada de raptar a unha muller en Ourense para roubarlle 3.000 euros

O tribunal considera que "non existe proba de cargo suficiente que permita estimar acreditados o feitos obxecto de acusación"

Maza dun xuíz. PIXABAY
photo_camera Maza dun xuíz. PIXABAY

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense absolveu por falta de probas a unha sospeitosa de obrigar, en xuño de 2015 e xunto a outras persoas non identificadas, a unha muller a introducirse nun vehículo cando se atopaba nunha rúa de Ourense coa intención de retela e obrigala a entregarlle 3.000 euros.

Así, o tribunal considera que "non existe proba de cargo suficiente que permita estimar acreditados os feitos obxecto de acusación, así como a participación da acusada nos mesmos, razón pola que procede ditar sentenza absolutoria ao seu favor".

En concreto, recordan que só contan coa versión da denunciante dos feitos que, ademais, durante a declaración xudicial cambiou a súa narración do sucedido e incorreu en contradicións. Así mesmo, indican, debe terse en conta a "falta de corroboracións periféricas" para acreditar o seu relato.

A Fiscalía, a única parte que formulou acusación, sostiña que a procesada, en compañía doutra persoa non identificada, obrigou o 23 de xuño de 2015 a unha muller a introducirse no seu vehículo en Ourense para, tras retela varias horas dando voltas pola cidade e ameazándoa, instala a que retirase da súa conta bancaria 3.000 euros para entregarllos.

O Ministerio Público consideraba os feitos constitutivos dos delitos de detención ilegal e roubo e pedía para a acusada, que negou os feitos durante o xuízo, seis anos e medio de prisión. A Audiencia, con todo, absolveuna.