A Audiencia da Coruña condena a catro anos de cárcere a un home por abusar da súa neta

A vítima sufriu os abusos desde os 5 aos 11 anos

A Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a un home por abusar da súa neta, desde os 5 aos 11 anos, a catro anos de cárcere como responsable dun delito continuado de abusos sexuais sobre menor de 13 anos, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). 

O tribunal tamén lle impuxo a prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima durante catro anos, así como o abono dunha indemnización de 40.000 euros. 

Na súa sentenza, os maxistrados sosteñen que "sen dúbida, o avó aproveitouse da súa posición de predominio, tanto por elevada diferenza de idade como por parentesco, sobre a neta para a execución do delito". 

Tamén consideran acreditado que o imputado cometeu no partido xudicial de Corcubión "diversos episodios de abuso acontecidos en lugares, tempos e ocasións varias, sen poder precisarse datas concretas, pero en todo caso comprendidas entre os anos 2003 e 2009". 

A Audiencia destaca, por outra banda, no fallo, as "importantes secuelas psicolóxicas e emocionais" que sofre a vítima na actualidade.