As audiencias xulgaron dúas persoas á semana por delitos sexuais en 2022

O 65,6% das afectadas tiña menos de 18 anos e, en nove de cada dez casos, o axuizado era da súa contorna. As denuncias por violencia de xénero crecen un 12,3%, ata superar as 7.000. 
El presidente del TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, presentó este jueves la memoria de actividad judicial de 2022. EFE
photo_camera O presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, presentou este xoves a memoria de actividade xudicial de 2022. EFE

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) expresou este xoves a súa preocupación despois de que, o ano pasado, sentasen no banco dos acusados das audiencias provinciais –os órganos que xulgan os casos de maior gravidade– case dúas persoas á semana para responderen por delitos de abusos ou agresións sexuais. Ademais, na mesma cara da mesma moeda, as denuncias por violencia machista incrementáronse un 12,3%. Foron 7.029. 

"Non é algo ocasional ou illado, senón o resultado do arraigamento dun machismo cultural e estrutural de moitos anos", sentenciou José María Gómez e Díaz-Castroverde na presentación da memoria xudicial de Galicia de 2022, un curso no que, das 93 denunciantes de delitos de abuso ou agresión sexual, o 65,6% eran menores e, en case nove de cada dez casos, a vítima tiñan unha relación previa cos acusados, case sempre familiar. De feito, en canto ás menores, só 3 dos 51 procesados eran descoñecidos. 

O TSXG recolle que, o ano pasado, foron axuizadas en Galicia 86 persoas por delitos contra a liberdade sexual. Foron condenadas 63, o 73,2%. A taxa é máis alta en Lugo, onde se considerou culpables a 13 dos 16 procesados, o 81,2%. Tamén en Ourense (83,3%) e Vigo (84,6%). En cambio, baixan da media os casos axuizados en Pontevedra, con 13 condenados en 18 xuízos (72,2%), en Santiago (66,6%) e na Coruña (63%).

"Necesitamos afrontar o problema desde todos os ámbitos para conseguir unha transformación social real", asegura Gómez y Díaz-Castroverde

Pero tras a fría estatística hai traxedias irreparables. Cando os casos chegan á sala de vistas, o dano xa está feito. "Nada do que poidamos facer devolverá a vítima ao momento anterior á agresión", recordou Gómez y Díaz-Castroverde, para quen, aínda que as medidas punitivas son "necesarias", a sociedade debe aspirar "a que estes feitos non se produzan", un obxectivo para o cal non se debe conformar "con que a única solución sexa a resposta xudicial". Por iso, chamou a "afrontar o problema desde todos os ámbitos", como o educativo, o laboral ou o familiar, para "conseguir unha transformación social real". 

Sobre a violencia de xénero, o presidente do TSXG matizou que o aumento de denuncias pode ligarse tamén a unha maior disposición a denunciar, máis que a un estrito aumento de casos. 

Das 7.029 interpostas, 5.356 chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Tamén creceu un 11,4% o número de mulleres que aparecen como vítimas de violencia de xénero: 6.926 ou, o que é o mesmo, case 50 por cada 10.000 mulleres, a segunda taxa máis baixa do Estado, 23 puntos baixo a media. Das 2.161 sentenzas ditadas o ano pasado, 1.775 foron condenatorias, o 82%. 

Ademais, houbo 77 menores tutelados vítimas de violencia de xénero. Son 21 máis que en 2021.

Os menores e a negación

O presidente do TSXG alertou do aumento dos menores que comenten delitos de agresión sexual ou de violencia de xénero. "Necesitamos unha reformulación social para evitar, dunha parte, esa tremenda porcentaxe da nosa mocidade, próxima ao 20%, que nega a existencia de violencia de xénero; e, doutra, que condutas claras de malos tratos, sobre todo emocional, sexan asumidas como normais por algunhas mulleres", incidiu. 

En 2022 os xulgados de Menores axuizaron doce persoas por delitos de violencia sobre a muller. En nove casos houbo imposición de medidas.

Soben un 29,5% as demandas por okupación 

Doutra banda, a memoria anual do TSXG expón que os xulgados galegos ingresaron 101 demandas por okupación ilegal de vivendas en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social, un 29,5% máis que en 2021. Son 3,8 casos por cada 100.000 habitantes. 

Foron máis os desafiuzamentos e desaloxos practicados: 1.246, oito de cada dez por falta de pagamento do aluguer –con todo, é un descenso anual do 6,5%–. E houbo 733 execucións hipotecarias para esixir o pago das débedas (-17,9%).

Comentarios