viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

A Xunta autoriza a reapertura dos centros de día e ocupacionais a partir do 15 de xullo

Alberto Núñez Feijóo defendeu que non hai cambio de postura na Xunta en relación a estes espazos

A Xunta de Galicia autorizará a reapertura dos centros de día para maiores e persoas con discapacidade, así como os centros ocupacionais, a partir do próximo 15 de xullo, a condición de que conten cun protocolo específico de reactivación aprobado pola área sanitaria correspondente e cumpran co plan de reactivación do ámbito sociosanitario. 

O Goberno galego, que excluíra polo momento estes centros da reapertura alegando criterios de protección das persoas maiores e máis vulnerables, tomou esta decisión tras concluír a formación específica do persoal destas instalacións, que a Xunta ofreceu estas semanas de forma gratuíta. 

Ademais, a Administración autonómica comprometeuse a facer chegar a estes centros os equipos de protección individual (EPIS) necesarios para que os traballadores e os usuarios poidan contar coa "máxima seguridade" durante o seu funcionamento. 

Desde o inicio do proceso de desescalada, e tras tres meses pechados, foron moitas as voces desde o ámbito sociosanitario e familiar que reclamaron a reactivación destes centros, que permanecían polo momento pechados. 

"Pedimos que se trasladase un plan, avaliado por sanidade, tivemos unha reunión e valoramos as distintas posibilidades"

No entanto, desde o 10 de xuño, a Xunta permitiu que prestasen atención terapéutica individual con cita previa, como resposta ás necesidades das persoas maiores ou con discapacidade que realizaban alí as súas terapias, así como das súas familias. Ao mesmo tempo, púxose en marcha un programa de formación gratuíta e facilitóuselles un protocolo de base para adaptar os centros á nova realidade. 

A pesar desta reapertura, a Xunta recordou que segue aberto o prazo para solicitar o Bono Coidado Extraordinario, para a contratación dun servizo de atención a domicilio ou para compensar a baixada salarial das persoas que teñan que pedir unha redución de xornada ou excedencia por coidados.

"EVITAR A "DISCRIMINACIÓN". Preguntado sobre esta decisión, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, defendeu que non hai cambio de postura na Xunta en relación aos centros de día, senón que se segue o plan previsto, de forma que "ou xa finalizaron" ou están "a finalizar" a formación. 

"Pedimos que se trasladase un plan, avaliado por sanidade, tivemos unha reunión e valoramos as distintas posibilidades. A opción maioritaria é que se poidan abrir todos case simultaneamente para que non haxa discriminación entre os centros, que xa finalizaron ou están a finalizar a formación, nin tampouco entre os maiores", argumentou. 

Igualmente, defendeu a "prudencia" coa que actuou a Xunta en relación a estes centros e esgrimiu que trabállase con poboación "de máximo risco". 

A Xunta autoriza a reapertura dos centros de día e ocupacionais a...
comentarios