Avanzan protestas polo expediente ao xinecólogo que defendeu o paritorio de Verín

A oposición esixe que Feijóo responda o expediente disciplinario e o PP traslada o seu "máximo respecto" á actuación da Administración 
Acto de protesta en Verín. EFE
photo_camera Acto de protesta contra o peche do paritorio o ano pasado en Verín. EFE

Un ano despois do punto álxido das mobilizacións da plataforma Verín non se pecha contra o peche do paritorio do hospital comarcal —logo reaberto—, a organización reconverteu o seu lema a Castrillo non se toca e prepara novas protestas contra a decisión das autoridades sanitarias de abrir un expediente disciplinario contra o xefe de Ginecología do centro sanitario, Javier Castrillo, unha das caras visibles do conflito.

Fontes consultadas por Europa Press avanzaron que a próxima semana está previsto que haxa unha concentración contra esta decisión na que o propio xinecólogo ve "unha vinganza política" e que podería custarlle ata dous anos de inhabilitación. Sinalaron que podería levar a cabo o luns, cando está previsto que o xerente da área sanitaria, Félix Rubial, acuda a Verín para unha reunión con representantes sindicais. 

Outras plataformas como Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública tamén expresaron o seu respaldo a Castrillo e urxiron a retirada da medida.

BNG e PSdeG confirmaron así mesmo a súa intención de secundar estas protestas. O PPdeG manifestou o seu "máximo respecto" polo procedemento da Administración autonómica e, tras remarcar que as canles para os expedientes velan por respectar os dereitos de quen os reciben, considerou "moi excesiva" a interpretación de que este responde a razóns "políticas".

Comentarios