Axilizan os trámites para denunciar agresións a profesionais sanitarios

O fiscal superior de Galicia asinou un convenio de colaboración cos colexios oficiais de Médicos das catro provincias galegas
636994016196623041w
photo_camera Sinatura do convenio de colaboración cos colexios oficiais de Médicos das catro provincias galegas. CABALAR (EFE)

O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, asinou este luns un convenio de colaboración cos colexios oficiais de Médicos das catro provincias galegas para axilizar os procedementos nas denuncias de agresións a profesionais sanitarios, de forma que a Fiscalía poderá actuar de forma máis directa e terá unha nova coordinación coa policía.

Asinárono os presidentes dos colexios oficiais de Médicos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, Luciano Vidán, Manuel Fenda, José Luís Jiménez e Luís Campos, respectivamente, no despacho do Fiscal superior de Galicia na Coruña.

O convenio establece un protocolo para facilitar a actuación inmediata no caso de que se produza un incidente violento contra un médico e poder “garantir a eficacia na investigación, persecución e o castigo das correspondentes infraccións penais”, explicou Suances.

Desta forma, o médico debe remitir o parte de lesións se o houbese, ou a documentación do caso, directamente ao Colexio de Médicos e este órgano procederá a presentar unha denuncia ante a Fiscalía territorial que corresponda para que o Ministerio Público abra as dilixencias de investigación penal e, no caso de que haxa indicios de delito, levar o caso ao xulgado de instrución.

Ademais, Suanzes detallou que a Fiscalía se compromete a realizar un seguimento particular unha vez que se incoen dilixencias polo órgano xudicial” e que a nova coordinación coa policía permitirá seguir cada caso dun xeito “máis adecuado”.

Este protocolo, sinalou, aplícase aos médicos da sanidade pública e tamén inclúe un anexo para profesionais que traballan en empresas privadas, cun proceder similar pero cun alcance penal máis limitado por non ter a condición de funcionario.

O convenio é similar ao que hai en Valencia, País Vasco e Madrid, pero só o de Galicia contempla aos sanitarios do ámbito privado, subliñou.

Así, o fiscal recordou que desde 2015 o Código Penal contempla as agresións a sanitarios “que traballan no sector público como delito de atentado contra a autoridade”, con penas de ata catro anos de prisión.

O presidente do Colexio Médico da Coruña, Luciano Vidán, asegurou que en 2018 o Sergas rexistrou incidentes a "500" profesionais –aínda que non son denuncias formais–, cifra que contempla tanto agresións físicas como verbais, o que supón o dobre que en 2016.

Pola súa banda, o presidente do Colexio de Ourense, José Luís Jiménez Martínez, precisou que en 2018 as denuncias a colexios galegos foron só por agresións físicas, o que pon de manifesto que as verbais non se demandan, e apuntou que son números máis baixos que noutras comunidades autónomas de España pero que deberían ser inexistentes.

Pola súa banda, o presidente da institución pontevedresa, Luís Campos, destacou que “as circunstancias que levan ao incremento destas agresións” teñen que ver coa “crise económica e os recortes que sufriu a Sanidade Pública”, porque iso supón masificación e maiores listas de espera que poden propiciar conflitos.

No acto, o presidente do Colexio de Lugo, Manuel Fenda, agradeceu que este convenio faga patente “algo que antes non se denunciaba” como son “as agresións verbais” e ameazas.

Segundo o Observatorio contra as Agresións a Médicos da OMC de España, o ano pasado rexistráronse 490 denuncias formais de violencia contra médicos en todo o territorio nacional e, destes, o 51 % foron por ameazas, o 35 % insultos e o 14 % lesións.

Comentarios