Manuel Baltar insta á Xunta a "rectificar" o peche do paritorio de Verín

Feijóo xustifica a clausura do servizo e o BNG cuestiona se o faría se lle afectase a el
Pleno del Parlamento
photo_camera Feijóo e parte do grupo popular no pleno do Parlamento deste mércores. PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente da Deputación e do PP ourensán, Manuel Baltar, instou este mércores á Xunta a "rectificar" e manter o paritorio en Verín, desmarcándose da decisión adoptada polo Executivo do seu mesmo partido. "Non estamos a falar de salvar servizos que non existisen senón de manter os que existen e non baixar a calidade asistencial", dixo o popular, que pediu que se manteña o servizo.

Baltar maniféstase así despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, defendesen a supresión "para garantir a seguridade sanitaria". Fronte a esa visión, e a preguntas dos xornalistas, o presidente provincial do PP deixou clara a "manifesta oposición" da corporación provincial á decisión adoptada pola Xunta, postura que, segundo indicou, xa trasladou a Feijóo.

Segundo apuntou, como corporación "non podemos permitir que decaia a atención médica e sanitaria na provincia" senón que "temos obrigación de defender os intereses" dos veciños. Para referendar esa postura, Baltar resaltou "o sentimento" que se percibiu na mobilización do pasado sábado en Verín tras a decisión de suprimir o paritorio.

"Non estamos a falar de salvar servizos que non existisen senón de manter os que existen", di Baltar

Tras aclarar que entende a xustificación "técnica", advertiu de que o seu labor político vai máis aló de criterios "técnicos". "Temos que ser consecuentes e coherentes cunha demanda social", continuou Baltar.

O HÓRREO. O presidente da Deputación de Ourense manifestouse así a mesma xornada na que Feijóo volveu xustificar no Parlamento o peche do paritorio por cuestións médicas e comprometeuse a seguir "mellorando" o Hospital de Verín con urxencias "novas —triplicando o espazo— e unha carteira de servizos de máis intensa". 

Na sesión de control na Cámara, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou que esta medida "xoga coa saúde das mulleres" e mostrouse convencida de que se o presidente da Xunta ou o conselleiro fosen mulleres e vivisen en Verín "non tomarían a decisión tan alegremente". Subliñou así que o peche implica desprazamentos "de hora ou hora e media para poder dar a luz" e preguntou a Feijóo se lle gustaría que fose a súa compañeira a muller que necesitase atención urxente e tivese que facer esa viaxe. 

Pontón: "Síntome máis segura sabendo que non terei que percorrer 100 quilómetros para dar a luz"

"Sinto máis segura sabendo que non terei que percorrer 100 quilómetros para dar a luz. O que non quero para min non o quero para as mulleres do meu país", dixo Pontón, quen tachou a Feijóo de covarde "politicamente" por non dar a cara e "esconderse" tras os médicos. 

Fronte aos reproches, o presidente galego insistiu en que a decisión se tomou "pola seguridade" das mulleres e os bebés, en base a criterios médicos e apoiados polas sociedades científicas. De feito, esgrimiu un papel no que figuran "o nome e o DNI" de 44 pediatras, xinecólogos e obstetras da área de Ourense, a maioría mulleres e que, segundo dixo, "non serán todos do PP". "Non conte comigo para facer este tipo de políticas contra a seguridade das mulleres e dos nenos que nacen en Galicia", dixo.

"A miña conciencia non me permite tomar unha decisión en contra dos médicos, a súa conciencia igual si", concluíu o presidente galego, quen afirmou que "hai 65 municipios" en toda Galicia a máis de 70 quilómetros de distancia do hospital de referencia para dar a luz. 

Feijóo: "A miña conciencia non me permite tomar unha decisión en contra dos médicos"

CONCELLO. Tamén este mércores, celebrouse en Verín unha sesión plenaria na que a corporación municipal aprobou por unanimidade —cos votos de PSOE, BNG e PP— unha declaración institucional contra o peche do paritorio.

"Funeral" simbólico en Verín
Traballadores do Hospital de Verín acompañados por veciños da comarca realizaron este mércores un "funeral" simbólico, en memoria dos servizos pechados. No acto fíxose referencia ao peche do paritorio, as urxencias pediátricas, dermatoloxía, medicina interna, coidados paliativos e, proximamente, a cociña. Durante a concentración púidose ver un cadaleito, varios centros e lápidas coa mensaxe 'Rezade por nós' que, posteriormente, foron depositados ás portas da xerencia do hospital. 

Mentres, continúa o peche indefinido de persoal. Decenas de persoas volveron pasar a noite no centro e a xornada do mércores discorreu nun ton menos bullicioso, tras as advertencias do xerente

Denuncia de Satse
Máis aló das protestas, o sindicato de enfermería Satse presentou unha denuncia ante a Fiscalía de Ourense polo peche do paritorio e subliñou que está a 75 quilómetros do hospital de referencia de Ourense. "Xa que logo, os argumentos sobre o descenso de partos, non tedría o peso suficiente para o peche", sinalou a secretaria provincial do colectivo en Ourense, Pilar Oviedo.

Comentarios