Beiras, sobre os dirixentes de UP: "A cobiza fura as faltriqueiras..."

O fundador de Anova publica un tuit en medio do debate, xa adiado, sobre a remuda de Villares como voceiro parlamentario de En Marea

Gómez-Reino, Villares y Beiras. XOÁN REY
photo_camera Gómez-Reino, Villares y Beiras. XOÁN REY

A tensión entre Anova e Podemos, posta de manifesto este martes na reunión do grupo parlamentario de En Marea a conto da posible remuda de Luís Villares como voceiro, sumou outro elemento. Xosé Manuel Beiras, histórico dirixente e fundador de Anova, empregou a súa conta de Twitter para deixar unha mensaxe que podería ir nesa liña: "Señoras e señores dirixentes de UP: a cobiza fura as faltriqueiras, e polo furado vaise, ademais dos cartos, o valor da dignidade".

O certo é que tanto en Anova como nas mareas municipais sentou mal que se abrise o debate da remuda de Villares a menos dun mes das municipais. 

Ao respecto, o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, defendeu este mércores que "a maioría" do grupo parlamentario na Cámara galega decida sobre o futuro da portavocía. 

Así se pronunciou, a preguntas dos xornalistas, despois de que o Grupo Parlamentario acordase pospor sen data a destitución de Luís Villares como portavoz e de que este sinalase aos deputados de Podemos como responsables dunha reunión que, ao seu xuízo, "prexudica" ás mareas municipalistas.

A historia dun debate posposto
Os malos resultados cultivados nas xerais por En Marea tras separarse dos seus antigos socios, agrupados ao redor de En Común –EU e Podemos– coa excepción de  Anova, que non se presentou– propiciaron o movemento para desbancar a Villares da portavocía parlamentaria, unha xogada que se lle atribúe a Podemos.

Tras a reunión do grupo parlamentario este martes, acordouse un comunicado: "A natureza de En Marea cambiou nos últimos meses, pasando de ser un espazo común de confluencia de moitas persoas, organizacións políticas e mareas de base municipal para converterse nunha forza política con dinámicas propias. Este cambio de natureza púxose de total evidencia nas eleccións xerais pasadas nas que En Marea partido confrontou con En Común Unidas Podemos", sinala o texto emitido polo grupo. 

A continuación, descualifica a Villares como persoa que poida encarnar a referencia do grupo no Parlamento de Galicia, polo que propoñen "adaptar a portavocía a esa nova realidade". "Non ten ningún sentido que unha persoa que dirixe un dos catro partidos, moi minoritario, sexa a persoa que actúe como portavoz único do grupo", engade. 

Deste xeito, os parlamentarios que pretenden relevar ao xuíz en excedencia barallan a posibilidade de articular unha portavocía  rotatoria, segundo fontes próximas consultadas por Europa Press. Con todo, Villares parece pouco proclive a ceder ante estas pretensións e remítese a que a súa continuidade só pode ser posta en cuestión pola dirección de En Marea ou a súa militancia. 

En calquera caso, esta decisión, que parecía inminente, vaise adiar ata despois das municipais. O martes, o último en chegar á reunión do martes na que se acordou este comunicado foi o viceportavoz parlamentario,  Antón Sánchez, á súa vez portavoz nacional de Anova. Facíao coa reunión xa iniciada e tras publicar, pouco antes do arranque da reunión, un tuit no que se desmarcaba do movemento para desbancar a Villares como referente do grupo nestes momentos ante a inminencia das eleccións locais.

Comentarios