Os bens e actividades dos deputados galegos, ao descuberto

 Feijóo contraeu unha nova hipoteca, Pontón ten máis aforros e Caballero comprou unha vivenda
Pleno del debate sobre el estado de la autonomía en el Parlamento gallego. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera PEPE FERRÍN (AGN)

O Boletín Oficial do Parlamento publicou este venres as declaracións de bens e actividades dos deputados galegos, un trámite no marco das actuacións de transparencia da institución autonómica que se repite nas últimas lexislaturas. 

Delas, despréndese que nos últimos catro anos o presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, saldou as hipotecas que tiñan pendentes de 2001, pero contraeu unha nova que vén de 2018; mentres que Ana Pontón aforrou ao redor de 20.000 euros e o líder socialista, Gonzalo Caballero, comprouse unha vivenda en 2019. 

Así, ao comezo da lexislatura pasada, o presidente da Xunta declarou que tiña pendente de pagar 31.905,77 euros dun préstamo hipotecario de 2001, ano en que se comprou a vivenda de Madrid, a de Vigo e a praza de garaxe da cidade olívica. 

No documento entregado agora desaparece esta débeda, que unha declaración que modificou en 2019 xa era só de algo máis de 5.000 euros. Con todo, conta cunha nova hipoteca subscrita a 31 de decembro de 2018 por valor de 238.000 euros. 

Precisamente, neste período, o presidente da Xunta sumou ao seu patrimonio unha vivenda en Moaña (Pontevedra), con data do 30 de decembro de 2017, e cuxo valor catastral segue pendente de ser fixado, do mesmo xeito que unha leira rústica que posúe en Ames (A Coruña). 

Feijóo percibiu 83.381 euros como xefe do Executivo autonómico e 12.600 euros de rendementos dunha vivenda, que son case 2.000 máis que os 10.800 que percibía antes -segundo as declaracións anteriores-. Pagou por IRPF un total de 22.928 euros. 

En depósitos bancarios, declara ter 143.796 euros e posúe 75 accións de Telefónica (325 euros), mentres que o patrimonio inmoble que ten contabilizado roza os 230.000 euros (sen contar os que non están aínda cuantificados).

ANA PONTÓN, MÁIS AFORROS. A situación da líder do BNG mantense no ámbito das súas propiedades igual, ao seguir co piso comprado en 2012, do cal amortizou uns 17.000 euros desde a pasada lexislatura. Mentres, declara un aforro de 41.584 euros, uns 20.000 euros máis con respecto á lexislatura anterior, a finais da cal foi nai dunha nena. 

A líder do Bloque ten accións por valor de mil euros en Sermos Galiza e pendente de pagar 100.596 euros do seu préstamo hipotecario. O valor catastral do seu piso e praza de garaxe ascende a 85.837 euros.

GONZALO CABALLERO (PSDEG). Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, comprouse un piso en agosto de 2019. Os seus aforros que superaban os 200.000 euros (229.506) cando chegou ao Parlamento, pasaron a 75.026 euros, segundo os saldos declarados. 

A vivenda, do mesmo xeito que a outra que xa tiña en Vigo, está situada na provincia de Pontevedra e para ela subscribiu unha hipoteca duns 196.000 euros -dos cales están amortizados 6.000-. Mentres, da hipoteca que correspondente ao seu piso adquirido en 2004 xa non debe nada. 

Na súa declaración de bens, recóllense en concepto de renda 50.365 euros. A vivenda que se comprou, con data de adquisición o 14 de agosto de 2019, ten un valor catastral de 89.651 euros, que se suma a un piso que posúe desde 2004 e que ten un valor de 30.588 euros. 

Na súa declaración de bens figuran 717 accións que tiña do Banco Santander, por valor duns 1.300 euros. 

Comentarios