O BNG asegura que ten "boas expectativas" pero móstrase "precavido"

Goretti Sanmartín quixo "mandar todo o agradecemento" ás máis de 4.000 persoas que estiveron nas mesas como interventoras e apoderadas
Goretti Sanmartín. EFE
photo_camera Goretti Sanmartín. EFE

A coordinadora de campaña electoral do BNG, Goretti Sanmartín, agradeceu a todas aquelas persoas que depositaron o voto para a formación nacionalista nestes comicios en que os colexios electorais acaban de pechar.

Así mesmo, e tras rexeitar, como sempre fai o Bloque, valorar especificamente as enquisas coñecidas, si recoñeceu que hai boas "vibracións" e que se recibiu "enerxía positiva" durante todo o percorrido electoral.

As primeiras palabras de Sanmartín foron para "mandar todo o agradecemento" ás máis de 4.000 persoas que estiveron nas mesas como interventoras e apoderadas, "de apoio a todo o traballo que xa leva facendo o BNG nesta campaña". Así, lanzou un "forte abrazo" para as persoas militantes e simpatizantes, tras a xornada de traballo electoral.

En segundo lugar, tamén enviou un abrazo a toda a xente da Mariña, unha comarca na que se lle foi "negado" un dereito básico, a "poder votar". "A Xunta tiña que garantir e facilitar eses mecanismos, e houbo centos de persoas que non puideron exercer o seu dereito a voto", lamentou, antes de enviar ánimo a todas esas persoas "que o están pasando mal con este rebrote de coronavirus". 

Neste escenario, Sanmartín agradeceu ás persoas que escolleron a papeleta do BNG. "Que saiban que esta organización non as vai a defraudar, que sempre vai estar para defender os dereitos dos galegos e galegas", aseverou a dirixente nacionalista, quen a poucas horas de coñecer os resultados definitivos rexitou facer valoracións das enquisas.

"Simplemente deixo constancia de que existe unha tendencia á alza do BNG, enerxía positiva e vibracións de moitas persoas neste tempo de campaña", remarcou Goretti Sanmartín, quen percibiu que puideron facer chegar a mensaxe do BNG a través de canles alternativas durante esta campaña electoral e que a formación "creceu en simpatía".

"BOAS EXPECTATIVAS". Á súa chegada, arroupada pola Executiva Nacional, ao restaurante compostelán convertido en cuartel xeral, a candidata e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manifestou que ten "boas expectativas", pero mostrouse "precavida".

"Hai que esperar a coñecer o resultado das urnas. Asumiremos con deportividade a decisión dos galegos", remarcou.

Comentarios