O BNG propón a creación do Galtren, un sistema ferroviario "do S.XXI"

Rodil denuncia que"a cidade de Lugo é a única que non conta cunha conexión directa con Santiago"
Olalla Rodil, este domingo en Ferrol. BNG
photo_camera Olalla Rodil, este domingo en Ferrol. BNG

A cabeza de lista do BNG por Lugo nas eleccións autonómicas do 12 de xullo, Olalla Rodil, propuxo este domingo a creación dun ente público galego de xestión do tren, o Galtren, para que Galicia conte cun "sistema ferroviario do XXI".

Nun acto na Coruña para abordar as propostas en materia de transporte, Rodil lamentou a situación actual do sistema ferroviario e salientou que Galicia "non pode seguir tendo en 2020 un sistema ferroviario do século XIX".

"Lonxe de mellorar esas conexións ferroviarias empeoraron: pecharon estacións de tren, empeoraron as liñas e os horarios. Tamén vemos como na provincia de Ourense especialmente se encareceu o servizo", denunciou Olalla Rodil.

Nesta liña, presentou unha proposta clave do seu programa electoral, que se centra en "impulsar a xestión dun ente público que xestione o sistema ferroviario en Galicia, o Galtren, para que o país non quede ancorado no século XIX" e se consiga "un sistema máis racional, eficiente e sustentable".

Tamén condenou que na provincia de Lugo a liña "sen electrificar" e "a cidade de Lugo é a única que non conta cunha conexión directa con Santiago".

Pola súa banda, o número 2 do BNG pola Coruña, Xosé Luís Rivas, denunciou que o tren se atopa nun "abandono absoluto" e lamentou que en España haxa un sistema radial pois "neste país o tren foi preparado para comunicar Madrid con cada un dos puntos".

"Ir da Coruña a Ferrol lévanos hora e pico e non hai un horario adecuado para estudantes e traballadores", condenou o nacionalista que chamou a apostar por un medio de transporte idóneo. 

Comentarios