BNG e PSdeG apoian as novas restricións, pero con críticas á xestión da Xunta

Pontón considera o peche da hostalería "un paso insuficiente" e Caballero censura a "improvisación" 
Pontón y Caballero. EFE
photo_camera Pontón e Caballero. EFE

A portavoz do BNG, Ana Pontón, considerou que a ampliación das restricións co peche da hostalería 60 concellos galegos é "un primeiro paso pero insuficiente", mentres que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apoiou as medidas pero criticou a "improvisación" coa que, ao seu xuízo, está a actuar a Xunta. 

En opinión da líder nacionalista, o anuncio realizado este mércores ao mediodía polo presidente Alberto Núñez Feijóo acredita que, tal e como solicitou o Bloque, son necesarias medidas "máis drásticas e máis contundentes" ata chegar ao confinamento domiciliario. O BNG espera que nunha semana non haxa que lamentar que perdéronse "días importantes" para salvar vidas e para garantir a economía galega.

En opinión de Pontón, urxían medidas máis contundentes para "atallar a situación crítica" que atravesa Galicia con marca "de contaxios e lamentablemente tamén marca de falecementos". Ademais, a líder da formación tamén criticou que o anuncio do presidente da Xunta, que supón que se vai "a confinar a hostalería" non vaia acompañado dun paquete de axudas para o sector. 

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou pola súa banda que a Xunta de Galicia está a obrar con "improvisación" na súa xestión da segunda onda da pandemia da covid-19, aínda que trasladou o seu respaldo ás novas restricións anunciadas. "Feijóo opúxose ao estado de alarma en Galicia e a blindar Galicia e, en menos dunha semana, tivo que aplicar restricións que afectan á maior parte da cidadanía galega", criticou Caballero, apenas unhas horas logo da comparecencia do mandatario autonómico para presentar estas novas medidas.

As restricións afectarán, desde o vindeiro venres ás 15.00 horas e por un período estimado dun mes, a un total de sesenta concellos -principalmente as grandes cidades e a súa área metropolitana-, nos que reside aproximadamente un sesenta por cento da poboación galega.

Por este motivo, Caballero xulgou que as restricións "deben vir acompañadas dun plan extraordinario de axudas directas aos sectores afectados polo peche", nomeadamente a hostalería que -na súa opinión- é un dos máis prexudicados. Do mesmo xeito, o líder do PSdeG esixiu "seriedade" e "rigor" na súa aplicación, ademais dunha maior "concreción" do anunciado no relativo, por exemplo, á paralización dos servizos non esenciais.

Para rematar, censurou a actitude mantida polo Executivo galego de non acudir ao Parlamento a dar contas da súa xestión e hao instado a reforzar a atención primaria, ademais de incrementar o número de rastreadores contratados e de probas PCR realizadas ante os "preocupantes" datos das últimas semanas. 

Comentarios