O BNG suspenderá os concelleiros de Catoira pero apoia aos de Mondariz

Pontón asegura que os edís  desobedeceron á formación, sen respectar "os valores" cos que se presentaban "ás eleccións" xa que chegaron a un acordo co PP

A portavoz do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. LAVANDEIRA JR (EFE)
photo_camera A portavoz do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. LAVANDEIRA JR (EFE)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, confirmou este luns que aos concelleiros de Catoira aplicaráselles unha "suspensión cautelar da militancia" e a apertura "dun expediente sancionador", pero entende que o caso de Mondariz é "diferente".

Asegurouno nunha rolda de prensa na sede do seu grupo parlamentario, onde afirmou que no caso de Catoira a dirección do partido puxo "unha directriz moi clara, para non permitir que o que pasou se consolidase", e os edís desobedeceron á formación, sen respectar "os valores" cos que se presentaban "ás eleccións" xa que chegaron a un acordo co PP.

En Mondariz, explicou Pontón, a situación é diferente porque "non houbo ningún tipo de contacto co PP", senón que se presentou a candidatura do BNG e o que pasou no pleno foi unha sorpresa", un "apoio inesperado", polo que non haberá medidas sancionadoras para estes concelleiros.

"É habitual que nos concellos se presenten candidaturas que non teñen o aval maioritario", argumentou, e engadiu que isto faise para reivindicar que "a súa candidatura é a mellor para gobernar" aínda "sabendo que non teñen maioría", xa que foron "a segunda forza máis votada".

Por outra banda, a portavoz nacional condenou a situación de Fene ao ser "o único concello onde o PSOE fixo alcalde ao PP no canto da o BNG" a pesar de que había unha maioría de esquerda entre o Partido Socialista, o Bloque e Esquerda Unida.

"Ninguén pensaría que os seus votos ao PSOE servirían para facer alcalde ao candidato do PP", lamentou, e tamén fixo alusión á existencia dunha "sensación de traizón entre os veciños e veciñas de Fene".

Comentarios