O BNG urxe o confinamento "canto antes" coa pandemia ao "bordo do descontrol"

"Cando se trata de salvar vidas, esperar non é unha opción", sinala Ana Pontón
Ana Pontón, hoxe en Santiago. EFE
photo_camera Ana Pontón, este martes en Santiago. EFE

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu á Xunta a pedir o confinamento en Galicia "canto antes" coa pandemia "ao bordo do descontrol", tras as últimas "cifras pavorosas" de mortes na comunidade. 

A líder nacionalista aproveitou a súa intervención na primeira comparecencia da comisión parlamentaria de reactivación -a cargo do conselleiro Francisco Conde- para "pór sobre a mesa a opción do confinamento" ante a "extraordinaria gravidade" da situación. "Os datos apuntan a que esta medida vai ser a única solución para frear a expansión desta segunda onda", sentenza Pontón. 

"Se esta é a medida máis contundente para frear o descontrol cara ao que camiña a covid, o que temos que dicir é que debería adoptarse canto antes, non esperemos a pór en marcha unha medida que demostrou a súa eficacia, que están a adoptar os países da nosa contorna", opina. 

Por iso, Ana Pontón demanda que "se hai que facelo, que se faga xa, sen medias tintas, porque este non é un momento de aplicar a política da avestruz". Asegura que "Galicia necesita un goberno que lidere a loita contra a pandemia", e iso significa "tomar medidas claras, rotundas e contundente". 

Pon de exemplo que Alemaña apostou por esta medida cunha incidencia de 168 casos por 100.000 habitantes, mentres en Galicia está en 311, unha situación "preocupante" que require que o goberno se anticipe e sexa útil". 

Insiste en que "cando se trata de salvar vidas, esperar non é unha opción", de modo que esixe ao Executivo galego que "plante cara". Apela a "ser claro" con "medidas contundentes" e "non infantilizar" á sociedade. 

De tal modo, aposta polo "confinamento como mellor medida para preservar a saúde dos galegos", pois tamén "significa pór as bases para salvar empresas". 

Comentarios