Blanco reclama auditar "a xestión do PP" no Porto da Coruña

O eurodeputado socialista cualifica de "desvergoña" que Feijóo pretenda que o Goberno central "lle pague as hipotecas que xerou Rajoy"

José Blanco. AEP
photo_camera José Blanco. AEP

O eurodeputado do PSOE e exministro de Fomento José Blanco reclamou este domingo unha auditoría da "xestión do PP" no Porto da Coruña.

Nunha entrevista no circuíto galego da Cadea SER, Blanco abordou a situación da Autoridade Portuaria da Coruña, cunha débeda duns douscentos millóns de euros que PP, Marea Atlántica, En Marea e BNG esperan que sexa condonada como ocorreu co Porto de Valencia.

"Non cabe maior desvergoña política que o que está a facer Feijóo de forma constante para tratar de que o goberno de Pedro Sánchez lle pague as hipotecas que xerou o goberno de Rajoy", expresou. Pediu que se explique "por que se xerou a débeda", que vincula a un "sobrecusto nas obras e unha mala xestión que terá que explicar Feijóo".

Segundo a súa versión, cando era ministro de Fomento "houbo que sacarlle as castañas do lume á Xunta" para permitir o fin das obras que xeraron a débeda portuaria, vinculadas á construción do porto exterior de Punta Langosteira.

A cambio daquel aval, era necesario o cumprimento duns compromisos que, segundo Blanco, "nin a Xunta nin a Autoridade Portuaria" respectaron.

"O primeiro que hai que explicar é o déficit de xestión e teno que explicar Feijóo; e, se é necesario facer unha auditoría, que se faga unha auditoría", detallou.

Na súa intervención mostrouse moi crítico con diversos anuncios que nunca se materializaron e que aparentemente garantían a viabilidade das instalacións.

"PEMEX, os chineses... onde está todo iso? Onde está cumprido o compromiso da Xunta? En ningún lugar", resolveu. Sostén, polo tanto, que "o primeiro" é "esixir a Xunta e Porto explicacións da súa xestión e, despois, poderase falar de todo o demais".

A polémica avivouse despois de que o Goberno galego pedise central "o mesmo trato" a Galicia que ao resto de comunidades para condonar a débeda de 200 millóns de euros contraída pola Autoridade Portuaria da Coruña derivada da construción do porto exterior de Punta Langosteira.