Un brote con seis afectados obriga a illarse a unha trintena de persoas en Pedrafita

As autoridades sanitarias continúan coa realización de probas na zona para tratar de localizar a outros posibles positivosUn brote con seis afectados obriga a illarse a unha trintena de persoas en Pedrafita

Un brote afecta a seis persoas en Pedrafita do Cebreiro e obrigou a que un total de 35 estean a gardar corentena, indicaron fontes sanitarias. 

Na xornada deste sábado detectáronse dous contagios na zona e o protocolo de seguimento de contactos levou a que se fixesen probas a 35 persoas, catro das cales deron tamén positivo. En todos os casos, seguen en illamento. 

Ademais, na xornada deste domingo as autoridades sanitarias continúan coa realización de probas na zona para tratar de localizar a outros posibles positivos. 

MUROS. Ademais, un total de seis persoas relacionadas cun cámping de Muros deron positivo nas probas que se lles realizaron para detectar a Covid-19, informaron este domingo fontes sanitarias. 

Este sábado coñecéronse os positivos de dúas persoas que se aloxaron nos últimos días nas instalacións. O rastrexo levara a illar a outros 23 usuarios, considerados contactos estreitos e que se fixeron unha PRC. As probas mostraron que outras tres persoas contaxiáronse, o que eleva o total a cinco. 

Ao longo do domingo, un equipo sanitario fará PCR ao resto dos ocupantes do cámping, situado na zona da praia de Louro. 

LAZA. Un total de seis persoas con vínculos familiares deron positivo por Covid-19 en Laza, informaron este domingo fontes sanitarias, que explicaron que o primeiro caso detectado é importado.

O sábado coñeceuse o resultado positivo dun home de 54 anos, o que deu lugar a que se realizasen probas na súa contorna e este domingo se detectasen outros cinco casos, confirmados a través de PCR e todos con nexo familiar.

Trátase de dous homes, de 84 e 59 anos; dúas mulleres, de 80 e 53 anos, e unha moza de 17 anos. As mesmas fontes indicaron que está activado o protocolo de identificación, control e seguimento de contactos.

Todos os pacientes atópanse illados nos seus respectivos domicilios e en seguimento por parte dos profesionais sanitarios dos seus centros de saúde e do seu PAC.

OURENSE. O número de positivos por Covid-19 nun gromo que afecta a persoas residentes en varios municipios da provincia de Ourense elevouse a 13 este domingo, informaron fontes da área sanitaria ourensá.

Este brote, que non está adscrito a un municipio concreto, afectaba inicialmente a tres mulleres, unha de 48 anos e outras dúas con relación familiar, de 47 e 35 anos. Cada unha delas vive nun concello distinto.

Este domingo comunicáronse 10 novos casos, que son, no súa maior parte, da contorna familiar destas tres pacientes, cuxos contactos estreitos se rastrexaron. As PCR realizadas detectaron os positivos de catro mulleres, de 74, 56, 44 e 44 anos; dun home de 46; de tres mozos de 17, 14 e 13 anos, e de dous nenos.

O brote detectouse inicialmente nunha muller e unha das súas compañeiras de traballo nunha empresa do concello de San Cibrao das Viñas, indicaron as mesmas fontes.

Os pacientes están illados nos seus respectivos domicilios e en seguimento a través da plataforma de teleasistencia TELEA e dos sanitarios dos seus centros de saúde.

Comentarios