Buscan os implantes auditivos da pequena Olalla, perdidos na Coruña

A familia lanzou unha alerta a través das redes sociais para tratar de dar cos dispositivos que permiten ouvir á nena

A asociación Anpanxoga, de axuda a persoas xordas, lanzou un chamamento para atopar uns implantes cocleares perdidos na Coruña por unha nena, unha procura que tivo un amplo impacto en redes sociais.

Un membro de Anpanxoga, Raúl Piñeiro, lanzou o chamamento en Twitter para pedir axuda para localizar os implantes da súa filla, perdidos na Coruña e sen os cales non pode oír. Os implantes cocleares son dispositivos electrónicos médicos deseñados para persoas con perda auditiva grave ou profunda e, a diferenza dos audífonos que amplifican o son, transforman os sons en sinais eléctricos que envían directamente ao nervio auditivo e de aí ao cerebro, evitando as zonas danadas do oído.

A petición de colaboración na procura deses dispositivos e o estoxo no que están gardados superou os 15.000 retuits un día despois da súa perda.

Piñeiro pide axuda para atopar canto antes eses implantes da súa filla Olalla, que están nun "estoxo de cor negra" e indica que os podería perder nas zonas de Labañou, Marineda, Cidade Deportiva, Rolda de Outeiro, Rúa Barcelona, Fonteculler ou Parque Ofimático.

A súa esposa, Isolina Piñeiro, presidenta de Anpanxoga, tamén recorreu a Facebook cunha foto do estoxo e outra da súa filla cos implantes, pedindo colaboración para achalos.

A parella ten ademais un vídeo en Youtube explicando a vida cotiá cos seus tres fillos xordos nunha narración sen son que se pode seguir en linguaxe de signos.


Comentarios