Buscan unha septuaxenaria desaparecida desde o xoves en Tordoia

A Garda Civil activou un dispositivo de procura ao que se incorporaron membros de Protección Civil de Padrón con cans de rescate e drons da Axega

O equipo de drons da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) colabora cos axentes da Garda Civil na procura dunha septuaxenaria desaparecida este xoves no municipio de Tordoia (A Coruña). 

Segundo informou o 112 Galicia, a muller, de 79 anos de idade, complexión forte e estatura media, saíu este xoves da súa casa, situada no lugar de Pontepedra, e foi vista por última vez sobre as 18.00 horas por un veciño. 

Ao ver que non volvía a casa, a familia pediu axuda a través da Policía Local de Tordoia. Tras a chamada dos axentes ao 112 Galicia, mandouse aviso á Garda Civil para activar o operativo de procura. 

Ao dispositivo incorporáronse membros de Protección Civil de Padrón con cans de rescate e, na mañá deste venres, o equipo de drons da Axega. 

Técnicos da Axega procederon a actuar coas aeronaves non tripuladas nunha zona comprendida entre os lugares de Vilar de Castrillón, Seixán, Tañe, Balsa e Salgueira, sinalou o 112. 

Comentarios