Buscan o tripulante dun veleiro desaparecido o sábado preto de Malpica

Unha muller que tamén navegaba na embarcación foi rescatada e trasladada a terra. Conclúe sen éxito a busca por aire 

 

A busca aérea retirouse a última hora da tarde deste domingo, logo da participación do avión Cuco da Garda Civil que relevara ao avión Sasemar 102. Ata que a visibilidade o permita, continuará o dispositivo por mar. 

Segundo informou Salvamento Marítimo a Europa Press, ao redor das dez da noite deste sábado, unha embarcación alertou a Salvamento de Fisterra de que un veleiro, de nome Audacia, parecía atoparse á deriva e sen ningún tripulante a bordo, a unhas dúas millas da costa. 

Cando a Salvamar Altair chega ao lugar comproba que non hai ninguén na cuberta do buque, pero dentro do veleiro localízase unha muller ferida, que lles informa que non ve o seu marido desde hai unhas horas. 

Inmediatamente, trasládase ao porto de Camariñas á muller, onde é atendida polos servizos sanitarios, á vez que se inicia o dispositivo de procura do desaparecido por mar. 

No rastrexo participaron o Helimer 401, o buque Sar Gavia, a lancha de salvamento Bianca de Cruz Vermella e o patrulleira Río Andalach da Garda Civil. 

A procura continuou durante a mañá, coa incorporación do Helimer 210 en substitución do 401 e a colaboración de Protección Civil no rastrexo pola costa. 

A embarcación de Salvamento Marítimo remolcou o veleiro a costa.