Caballero defende na UE unha alianza de territorios europeos pola demografía

O líder do PSdeG pechou dous días de axenda en Bruxelas cun encontro co titular do Comité das Rexións, un órgano no que ve "ausente" a Núñez Feijóo

El presidente del Comité de las Regiones, Lambertz, con Caballero. EP
photo_camera O presidente do Comité das Rexións, Lambertz, con Caballero. EP

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pechou os seus máis de dous días de visita oficial ás institucións comunitarias de Bruxelas cunha clara aposta por unha "gran alianza" pola demografía entre rexións europeas que, como a galega, afrontan problemas graves neste ámbito. O obxectivo é "revitalizar" estas sociedades, explicou o líder dos socialistas galegos logo de reunirse co presidente do Comité das Rexións, o socialdemócrata Karl-Heinz Lambertz.

Acompañado polo portavoz parlamentario do PSOE galego, Xoaquín Fernández Leiceaga, e polo eurodiputado José Blanco, Caballero destacou a relevancia de Galicia na Europa das rexións pola súa particularidade social e cultural. O secretario xeral do PSdeG reiterou que a comunidade "ten que estar máis presente en España e en Europa" e que diso e outras cousas falou con Lambertz.

Nunha reunión que durou algo menos dunha hora, Caballero expúxolle esa necesidade de configurar "un pacto social para a demografía" en zonas onde a perda de poboación é "un problema". A este respecto, o político ponteareán anima a que se teña en conta o "compoñente rexional" á hora de definir os fondos de cohesión ou as políticas de emprego co "fin de revitalizar as zonas cuxa demografía está máis debilitada", como é o caso de Galicia.

Como a comisaria de Política Rexional, o presidente do Comité das Rexións trasladoulle o parabén polo "cambio" cara a un "europeísmo de esquerdas" que, ao seu xuízo, abre a nova etapa do Goberno español con Pedro Sánchez á fronte, segundo apuntou Caballero. De feito, confrontou este europeísmo "máis activo" e cun "compoñente máis social" co euroescepticismo á alza nalgunhas zonas de Europa, que ve un "risco" coa vista posta nas próximas eleccións.

"POUCO PESO" DE FEIJÓO. Ademais, polo que respecta a Galicia, Caballero subliñou a importancia de ter "voz" e "participación" en órganos como o Comité das Rexións, que avoga por que se reforce", tendo en conta que ten un carácter consultivo. Neste sentido, criticou que o titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, "estivo ausente", o que se traduce en pouca "presenza" e "pouco peso" da comunidade no comité. Por iso, o socialista reclamou de Feijóo "máis liderado" en forma de propostas "e acción" en organismos comunitarios como este.

Para rematar e sen abandonar o PP, Gonzalo Caballero aproveitou para citar a escasa mobilización da militancia popular na substitución de Feijóo. "Percibo certa debilidade no proceso", a pesar do que lle desexou ao PP "toda a sorte". 

Comentarios