Caballero reivindica no Hórreo a autonomía local para investigar O Marisquiño

O alcalde de Vigo comezou a súa intervención cun recordatorio aos mozos que sufriron o accidente

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, converteu a súa primeira intervención na comisión de investigación do accidente do festival do Marisquiño o pasado agosto, suceso no que máis de 400 persoas resultaron feridas, nunha apelación á defensa da "autonomía local".

Así, comezou a súa mediática comparecencia cun recordatorio a aqueles "mozos que foron accidentados" no sinistro dun "terrible afundimento dunha estrutura portuaria", pero non se volveu referir á traxedia, e por iso recibiu un apercibimiento da presidenta da comisión, Cristina Romero (PPdeG) e as críticas dos partidos que forman parte do organismo -PPdeG, En Marea e BNG-.

Na súa primeira intervención, Abel Caballero si remarcou as súas críticas ao feito de celebrar unha comisión de investigación na Cámara galega sobre un asunto municipal, xa que son varios os informes que sinalan que o Parlamento autonómico "carece de competencias" para esixir responsabilidades políticas ás administracións locais.

REFERENCIAS Á CONSTITUCIÓN. Caballero apelou "á autonomía local" con sendas referencias á Constitución española, dando lectura ao artigo 140 da mesma, que indica que "os entes locais, en canto partes dun todo estatal, teñen garantida a súa autonomía", así como a informes do consello de Estado ou incluso dos propios servizos xurídicos da Cámara galega.

Ao rexedor de Vigo parecíalle apropiado atrasar a comparecencia xa que desde o Concello presentaron unha petición de pronunciamiento ao Consello de Estado sobre a obrigación dun cargo local a comparecer ante unha Cámara autonómica, a través do Ministerio de Política Territorial que elevou consulta o 17 de xaneiro.

Segundo Caballero, o ditame que ofreza o órgano consultivo será "importantísimo" porque "vai empezar a fixar os límites e a autonomía" dos diferentes poderes institucionais -estatal, autonómico e local-.

"Reclamo para isto e para todo a autonomía dos Concellos para exercer as nosas competencias" que se deben ao control dos plenos locais e ao control dos cidadáns nas urnas, resolveu o tamén presidente da Federación Española de Municipios e Provincias. 

Comentarios