Caballero promete aproveitar o fondo estatal para educación que "non gusta" a Feijóo

O líder do PSdeG subliñou que o 12 de xullo estará en xogo "a posibilidade de crear unha Galicia con máis oportunidades, máis benestar e mellor sanidade pública"
Caballero. EUROPA PRESS
photo_camera Caballero. EUROPA PRESS

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, comprometeuse a aproveitar "", en caso de acceder á presidencia da Xunta, a parte proporcional que lle corresponda a Galicia dos 2.000 millóns de euros que o Goberno repartirá entre as comunidades autónomas para reforzar a educación.

Caballero, que este mércores se fotografou en Vigo co candidato do PSdeG por Pontevedra, co alcalde, Abel Caballero, e coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, indicou que Feijóo é "o único presidente autonómico ao que non lle gusta que o Goberno dea fondos para mellorar a educación pública".

Iso é así, esgrimiu, porque ao presidente da Xunta "non lle gusta a educación pública", e en cambio o seu defensa "vai ser unha bandeira do próximo goberno progresista" de Galicia que espera encabezar.

"Como presidente aproveitarei as posibilidades" deses 2.000 millóns de euros "para adaptar e fortalecer a educación pública, tamén para un plan de dixitalización do ensino, na que garantimos que cada estudante en Galicia disporá dun computador e de conexión", prometeu.

O líder do PSdeG subliñou que o 12 de xullo estará en xogo "a posibilidade de crear unha Galicia con máis oportunidades"

Gonzalo Caballero recalcou que xa en abril o PSdeG concorría ás eleccións galegas con ese compromiso, agora reforzado e "adaptado a un novo tempo político no que a crise da Covid-19 cambiouno todo".

E nese contexto, proseguiu, "a educación e o ensino necesitan máis recursos, máis docentes, máis bolsas e dotacións para os comedores escolares".

O líder do PSdeG subliñou que o 12 de xullo estará en xogo "a posibilidade de crear unha Galicia con máis oportunidades, máis benestar, mellor sanidade pública, facer unha reconstrución económica e social do país, para que ninguén quede atrás".

Está convencido de que "o cambio é posible", ademais de necesario, e de que se vai a producir "unha mobilización crecente do electorado progresista" que permitirá "pasar páxina a once anos de retroceso nos servizos públicos, de destrución de emprego, de privatización da sanidade e da atención aos nosos maiores".

Subliñou que unha vitoria do PSdeG en Vigo "será a vitoria progresista para unha nova etapa en Galicia"

"Pedímoslle a todos os galegos que se involucren, que apoien (...) Non nos podemos arrepentir de catro anos máis dos gobernos do PP, da dereita e Feijóo, e temos que facelo cun compromiso claro coas políticas de progreso", abundou.

Gonzalo Caballero volveu a enxalzar o labor dos concellos durante a pandemia do coronavirus en tanto que Feijóo estivo "omnipresente nos medios, pero ausente á hora de tomar medidas".

E en especial valorou a figura do seu tío e alcalde de Vigo, Abel Caballero, en canto ás políticas sociais desenvolvidas na cidade olívica e como máximo "colaborador" do Goberno na tramitación do ingreso mínimo vital.

Subliñou que unha vitoria do PSDEG en Vigo "será a vitoria progresista para unha nova etapa en Galicia". "O impulso urbano desta cidade é fundamental para construír unha Galicia mellor", pechou

Comentarios