Caballero sostén que na Mariña non se poderá votar “con total solvencia” o 12-X

O líder do PSdeG discrepa co Goberno de Feijóo e dubida de que a situación estea controlada
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Caballero, nunha batea da Illa de Arousa. EFE

O secretario xeral do PSDEG e candidato á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, sostivo este luns que é posible que este fin de semana non se dean as condicións sanitarias requiridas para votar “con total solvencia” na Mariña lucense.

“É evidente que se a poboación está confinada ata o venres é porque hai riscos neste momento e, en cinco días de confinamento, non se soluciona o problema sanitario e os riscos que hai na Mariña”, declarou Caballero esta mañá nun acto electoral na Illa de Arousa .

Aínda que non pediu a cancelación directa das eleccións nesta comarca, como si fixeron outros partidos da oposición e incluso alcaldes socialistas da zona; o dirixente do PSdeG discrepou de que a situación estea controlada despois de que os contagios por coronavirus superen os 100 e haxa máis de 1.000 persoas confinadas.

“Ningún voto nunhas eleccións nin un Goberno poden estar por encima de defender o dereito á saúde de todos”, manifestou.

“Ao Goberno da Xunta fóiselle das mans o que está a ocorrer na Mariña”, insistiu Caballero, que esta mañá volveu a demandar ao Executivo autonómico información para os partidos políticos e para que as entidades locais poidan estar ao tanto de cal é a situación real en cada municipio.

Mentres tanto, criticou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “aínda non compareceu” e volveu a esixirlle que o faga ante a Deputación Permanente do Parlamento galego e ante a opinión pública para explicar “por que non tomou medidas antes” e por que “decretou un confinamento de cinco días cando ningún informe sanitario nin ningunha recomendación epidemiolóxica pode sostelo”.

“Cada minuto que pasa é un minuto que se perde”, advertiu Caballero, que censurou que a Xunta confrontase co Goberno de España cando este se fixo cargo de todas as competencias co estado de alarma e que, agora que lle foron devoltas, trate de eludir as súas responsabilidades e delegalas en concellos que non teñen capacidade para asumilas. EFE

Compromiso co sector do mar

Caballero aproveitou a súa estancia na Illa para mostrar a súa compromiso co sector do mar, que terá un goberno "aliado" co Partido Socialista na Xunta de Galicia.

O xefe de filas dos socialistas galegos subiuse a bordo dun pequeno veleiro no Porto de Xufre, na Illa de Arousa (Pontevedra),  para visitar unha das bateas do polígono Camabados A, onde un traballador do sector explicoulle o labor que realiza.

Acompañado polo alcalde desta localidade, Carlos Iglesias, e o candidato pola provincia, Xullo Torrado, Gonzalo Caballero aproveitou esta visita para subliñar o seu compromiso co sector do mar. "É un ámbito que coñezo ben porque en 20 anos de actividade económica -é profesor de Economía Aplicada na Universidade de Vigo- traballei moito sobre os aproveitamentos marítimos e, especialmente, do sector do mexillón e do mundo das bateas", explicou o socialista.

"Xa que logo, é un pracer estar aquí, en A Illa de Arousa, para reafirmar o compromiso dos socialistas galegos coa xente do mar, o mundo do mar e todo o complexo industrial que ten que ver con el", sinalou.

Na súa intervención, Gonzalo Caballero lamentou que durante os 11 anos de goberno de Feijóo faltasen "axudas, previsións e formulacións" para a este ámbito da economía, situación que, conforme apuntou, levou a que "cada catro días desaparecese un buque".

Fronte a iso, deixou claro que está "preparado" para gobernar Galicia "apostando polo sector do mar, pola pesca" e "defendendo os intereses dos buques, os pescadores e de todo o complexo industrial que está nas costas galegas.

"Garantimos que todas aquelas actividades industriais que están a funcionar de acordo ás normativas legais e requisitos ambientais, manterán toda a súa actividade cun goberno socialista á fronte da Xunta, que terán no presidente un amigo do sector do mar, da pesca, un aliado para defender en España e no mundo a actividade do noso sector pesqueiro", apuntou.

"Galicia é pesca e é mar", exclamou o aspirante socialista á Xunta, que defendeu unha Galicia "aberta ao mar" e que "explote con respecto ás normas de sustentabilidade" os recursos mariños. "Defenderemos en cada medida de goberno ao noso sector", incidiu.

Plan de comercialización

Neste sentido, Gonzalo Caballero avanzou que se chega ao goberno tras as eleccións do próximo domingo aprobará un "plan de comercialización dos produtos primarios da pesca e de proximidade".

"Estaremos en contacto con todos os actores fundamentais do mundo da pesca para traballar nunha folla de ruta compartida", sinalou para indicar que tamén negociarán en Europa "con todas as medidas necesarias" para conseguir o mellor escenario para esta industria.

Covid-19

Segundo explicou, ademais, o proxecto dos socialistas recolle "decenas de medidas" para apoiar aos pescadores e armadores en todos os ámbitos nos que, por problemas derivados do coronavirus, teñen menos ingresos ou máis dificultades para exercer a súa actividade con normalidade.

"A Covid-19 esta cambiando todo, está a cambiar tamén as actividades da pesca, e temos que apoiar financieramente aos pescadores para que poidan desenvolver a súa actividade con normalidade", sinalou.

Comentarios