Cabify comeza a operar na Coruña, a sétima cidade con este servizo

A tarifa mínima é de 5,50 euros, fronte aos 3,90 que custa a baixada de bandeira dos taxis

Coche de Cabify. EUROPA PRESS
photo_camera Coche de Cabify. EUROPA PRESS

Cabify comezou este venres a operar na Coruña co seu servizo de vehículo de aluguer con condutor (VTC), co que inicia a súa expansión cara ao norte e aumenta a sete o número de cidades nas que presta servizo. Trátase da primeira firma deste tipo que comeza a operar na área metropolitana coruñesa, que se engade así ao servizo de transporte urbano que Cabify xa ofrece en Madrid, Barcelona, Málaga, Sevilla, Alacante e Valencia.

A plataforma de mobilidade inicia o servizo cunha cobertura de ata 30 quilómetros cadrados que inclúe zonas adicionais ao centro da capital como son o aeroporto da Coruña ou o municipio de Arteixo. Segundo responsables da empresa, elixiron a cidade galega porque consideran que "pode ter boa acollida".

Residentes na Coruña, pioneira en Galicia en contar con este servizo, expresaron este venres a súa satisfacción porque "haxa competencia", pois iso sempre pode abaratar os custos. Cabify comezou a traballar ás 6.00 horas, cando a súa aplicación móbil e a súa web empezaron a admitir peticións de viaxe inmediatas e reservas, que serán ofrecidas por unha flota de vehículos híbridos. A tarifa mínima do servizo será desde 5,50 euros —fronte aos 3,90 que custa a baixada de bandeira dos taxistas— e de 10 en caso de peticións de reserva, que require a contratación con dúas horas de antelación, e ofrécese a posibilidade de pago en efectivo ou telemática. A promoción de benvida é de tres euros de desconto para os tres primeiras viaxes.

A pesar diso, algúns taxistas coruñeses consultados pola Radio Galega mostraron o seu escepticismo sobre a competencia que pode suporlles Cabify, á vez que alertaron de que as súas tarefas son máis económicas que as da empresa de VTC. "Non sei o que fan noutras cidades, pero eles cobran como mínimo 5,50 cando a nosa baixada de bandeira é de 3,90", dixo un deles, que non parecía especialmente preocupado pola chegada de Cabify.

Comentarios