Cae unha rede que estafaba coa venda de móbiles tras unha denuncia en Ponte Caldelas

O importe podería superar os 50.000 euros

La operación Silver. GUARDIA CIVIL
photo_camera La operación Silver. GUARDIA CIVIL

A Garda Civil e a Policía Nacional desmantelou unha rede que supostamente estafou a máis dun centenar de vendedores particulares de teléfonos móbiles a través dunha coñecida aplicación de compravenda de artigos de segunda man repartidos pola xeografía nacional, informou o instituto armado.

En total practicáronse oito detencións e foron investigadas 15 persoas en Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Almería, Málaga, Granada, Guadalaxara, León, Salamanca e Xirona, no marco dunha operación que partiu da denuncia dun afectado de Ponte Caldelas.

O importe da estafa, no seu conxunto, podería superar os 50.000 euros, aínda que o número total de vítimas está aínda pendente de determinar.

A chamada operación Silver 7 iniciouse en novembro de 2018 por mor da denuncia presentada por un veciño da localidade pontevedresa de Ponte Caldelas que fora enganado na venda dun teléfono móbil en internet.

As pescudas realizadas pola Garda Civil de Cangas, en colaboración coa Comisaría da Policía Nacional de Valencia, levaron á desarticulación deste presunto grupo criminal organizado, con ramificacións en varias provincias españolas.

A metodoloxía delituosa investigada consistía en contactar coas persoas que tiñan ofertada a venda dos terminais telefónicos a través dunha coñecida páxina de internet.

Unha vez que chegaban a un acordo no prezo, pasados uns días o comprador informaba o vendedor de que xa lle transferira o importe a través dun aplicativo da propia páxina.

No entanto, advertíalle de que estaba bloqueada a orde de pago debido a que, por erro, lle ingresara unha cantidade de diñeiro superior á acordada.

Por mensaxería
A solución para desbloquear a orde de ingreso e así poder recibir o diñeiro acordado pasaba porque o comprador enviase por mensaxería o terminal e a cantidade en exceso que pensaba recibir, que normalmente oscilaba entre 300 e 400 euros.

Finalmente, os teléfonos móbiles vendíanos a través de internet ou en establecementos de compravenda de segunda man e o importe do recadado enviábano a outras persoas que supostamente residían en Nixeria.

Comentarios