Cambados, vila natal dos tripulantes falecidos, decreta tres días de loito

O Sin Querer Dos viña de faenar durante catro días no Cantábrico e dirixíase a Portonovo

Un buque de Salvamento Marítimo traslada dos de los cuerpos hasta Porto do Son. PEPE FERRÍN
photo_camera Un buque de Salvamento Marítimo traslada os corpos ata Porto do Son. PEPE FERRÍN

O Concello de Cambados, de onde eran orixinarios os tres mariñeiros falecidos e o desaparecido no naufraxio do Sin Querer Dos, decretará este xoves tres días de loito oficial (entre o 21 e o 23 de decembro) e celebrará ao mediodía unha concentración silenciosa en recordo duns veciños que eran "moi queridos e coñecidos" neste municipio pontevedrés. 

O tenente de alcalde de Cambados, Tino Cordal, confirmou que os falecidos no naufraxio son Manuel Serén, o patrón do barco; Teófilo Rodríguez; e Bernardo Padín, mentres que permanece desaparecido Guillermo Casais, o máis novo deles, que se casou hai pouco e deixa un fillo pequeno. 

Os catro eran "mariñeiros de toda a vida", "todos moi coñecidos e queridos" en Cambados, unha localidade que se atopa consternada ante "unha desgraza deste calibre", que non recordan no medio século. "Habería que remontarse ao ano 56. O pobo está consternado", relatou, emocionado, o tenente de alcalde. 

Ante esta traxedia, o Concello de Cambados intentará levar a cabo este xoves "o máis rápido posible" o pleno extraordinario que xa tiñan convocado se non hai posibilidade de desconvocalo, para logo celebrar, ás 12.00 horas, unha concentración silenciosa. 

As bandeiras en Cambados xa ondean a media hasta cun crespón negro por tres veciños cuxos corpos puideron ser recuperados, mentres os equipos de Salvamento loitan contra o mar para que devolva a Guillermo Casais. 

CONMOCIÓN EN SANXENXO. O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, afirmou este mércores que todo o muncipio está "moi consternado e afectado". 

Martín lamentou a "noticia moi triste" que supón este naufraxio e mostrouse escéptico con respecto ás posibilidades de atopar con vida ao tripulante que continúa desaparecido.

En declaracións aos medios de comunicación, Telmo Martín relatou que o Sin Querer Dos viña de faenar durante catro días no Cantábrico e que tras facer escala na Coruña, onde estivo a pescar xurelo, dirixíase a Portonovo, onde tiña o seu porto base o barco naufragado.