A campaña da gripe arrinca en Galicia cunha demanda importante

Deputados dos tres grupos parlamentarios recibiron a vacina nunha xornada de concienciación no Parlamento galego
Olalla Rodil recibe la vacuna de la gripe. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Olalla Rodil recibe a vacina da gripe. PEPE FERRÍN (AGN)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, puxo en valor este mércores a campaña de vacinación antigripal que arrincou en Galicia "de momento cuns números razoablemente importantes" de demanda tanto por parte dos profesionais sanitarios —que puideron vacinarse desde o día 5 de outubro— como da cidadanía, para a cal a campaña se iniciou esta mesma semana. 

O responsable de Sanidade da Xunta de Galicia asegurou que se está levando a cabo un traballo moi importante para "programar todas as citas" dos cidadáns que queren vacinarse contra a gripe nunha campaña que é de especial relevancia ao producirse nun contexto de pandemia. 

García Comesaña fixo estas declaracións nunha xornada de animación á vacinación antigripal no Parlamento galego na que aproveitaron para vacinarse o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, así como deputadas e deputados dos tres grupos parlamentarios e xornalistas que habitualmente seguen a información parlamentaria no Pazo do Hórreo. 

Tanto o conselleiro de Sanidade como o presidente do Parlamento agradeceron a participación das deputadas e deputados neste acto de concienciación e animaron ao conxunto da sociedade a seguir o exemplo dos seus representantes políticos. 

Santalices, médico de formación, asegurou que para a institución que preside é moi importante levar a cabo este labor de concienciación nun momento no que "van coincidir no tempo dúas patoloxías -gripe e Covid-19- polo que é moi importante", dixo, trasladar a mensaxe da vacinación de face a evitar que as dúas doenzas se solapen. 

"Aínda que temos un sistema sanitario forte" é importante evitar "que sufra tensións" en tanto que "se estamos vacinados o risco de ter que acudir ao hospital é moito menor". 

Comentarios