Os líderes galegos buscan rabuñar votos ata o último minuto

As chamadas á mobilización foron o elemento en común de todos os participantes
Candidatos galegos que realizaron acto de peche de campaña
photo_camera Candidatos galegos que realizaron acto de peche de campaña

Os candidatos apuraron as últimas horas de campaña con chamadas á mobilización e apelando en moitos casos ao medo para rabuñar todos os apoios posibles na incerta cita coas urnas do próximo domingo.

PARTIDO POPULAR. O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pechou esta noite na Coruña a campaña electoral do partido en Galicia nun acto no que afirmou que "España necesita que Pedro Sánchez perda para que os españois gañemos" e dirixiuse ao presidente do Goberno para pedirlle que "pague o que debe".

Na súa intervención, Feijóo foi especialmente duro, no seu último acto de peche de campaña electoral, con Pedro Sánchez, cando se referiu ao presidente do Goberno coma se fose un moroso e pediulle directamente "paga o que debes, págao; ¿como se poden fiar os españois de alguén que debe diñeiro?, porque queda co noso diñeiro e encima di que está en funcións", matizou.

Por iso, díxolle aos presentes que agora "xa sabedes o que hai que dicirlle a Facenda cando vos pidan que paguedes os vosos impostos", e repetiu a Sánchez a súa mensaxe, coma se fose o cobrador do moroso, "paga o que debes, á sanidade galega, aos servizos sociais dos galegos", subliñou.

O PP teme a ameaza do ascenso de Vox o 10N e o empuxe que lle dan as enquisas electorais á formación de Santiago Abascal nos últimos días, e Feijóo quixo deixar claro a mensaxe, antes de pechar a campaña electoral, que "votar a Vox é o máis inútil".

Peche de campaña do PPDEG. PARTIDO POPULAR

Por iso, adxectivou o voto ao PP como "a papeleta do cambio" e explicou que "un voto a C's e un voto a Vox van conseguir manter a Pedro Sánchez e así non sairán as contas", porque, na súa opinión, "se iso ocorre non imos gañar e porque se iso ocorre gañará Pedro Sánchez cos independentistas", vaticinou.

PARTIDO SOCIALISTA. No outro extremo de Galicia, en Vigo, a ministra de Sanidade en funcións, María Luisa Carcedo, pediu este venres o voto para o PSOE porque, esgrimiu, "temos que defender a democracia con uñas e dentes" ante o aumento das expectativas electorais da ultradereita.

Durante o acto de peche de campaña en Vigo, Carcedo estivo acompañada polo alcalde da cidade, Abel Caballero, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e as candidatas do PSOE ás Cortes Xerais por Pontevedra, Olga Alonso e Ángeles Marra.

"As dereitas non están arrinconado á ultradereita como noutros países europeos, estana blanqueando", dixo Carcedo entre os aplausos dos militantes.

A ministra en funcións advertiu de que "non hai dúbida de que se as tres dereitas suman van formar Goberno e iso supón unha ameaza para a democracia en España".

Peche de campaña do PSDEG. PSDEG

Segundo Carcedo, é "grave" que Vox "inflúa nas decisións das institucións democráticas" e para evitalo, defendeu, o PSOE é a única opción que agora mesmo teñen os votantes en España que crean na igualdade.

BLOQUE NACIONALISTA. Na mesma cidade, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apelou ao "orgullo" e a "dignidade" dos galegos ante a "discriminación das forzas estatais" e os "aires involucionistas" provenientes de Madrid, e pediu o voto aos "desencantados" co PSOE e Podemos.

No acto de peche de campaña celebrado en Vigo, Pontón afeou a PSOE e Podemos que "non planten cara ao discurso antidemocrático e antigallego" de Vox, ao que deron "unha segunda oportunidade nas urnas" por non ser capaces de pechar un acordo para a gobernabilidade.

Pontón proclamou que "non se pode calar" ante os que están a facer "un discurso machista, xenófobo e antigallego" nin ante "os que piden ilegalizar" o Parlamento, a Xunta, o galego e o BNG, e que por iso "hai que falar claro nas urnas" este domingo.

Pediu concentrar no BNG "todo o voto de país" porque é "a única forza que ten as mans libres" para defender aos galegos, unhas pensións "dignas", o futuro da mocidade e "a dignidade" de Galicia, que non se compra nin se vende".

Peche de campaña do BNG. BNG

Tamén invitou a "non caer na trampa do medo, do voto útil", e preguntouse "de que lle serviu" aos que foron ás urnas en abril "cunha pinza no nariz", cando seguen vixentes a chamada 'lei mordaza' ou as "contrarreformas laborais", e hai aberta unha "crise industrial" en Galicia.

GALICIA EN COMÚN. Galicia en Común botou o pano na capital galega apelando a dar nas eleccións xenerais do 10N "unha lección de dignidade", xa que a formación "non se rende" e confía en que "teremos un Goberno de esquerdas no que Galicia estará presente".

"Este 10N xogámonos moito: dirixímonos aos que non se renden e xóganse moito nestas eleccións", apuntou a cabeza de lista por Pontevedra, Yolanda Díaz, no acto de peche de campaña da confluencia na Sala Sónar, e tamén se dirixiu "aos socialistas de corazón".

Díaz apelou "ás persoas desempregadas, aos precarios que malviven na procura dun emprego decente, aos maiores, aos mozos que queren regresar á súa terra, aos que nos din que non hai un planeta B, ás mulleres que saben que só si é si, aos que loitan cada día cos coidados, no mar ou no campo".

Ao acto de peche de campaña acudiron tamén as cabezas de lista por Lugo -Vanesa Somoza-, Ourense -David Bruzos- e A Coruña -Antón Gómez-Reino-, quen fixeron un chamamento "á resistencia, á rebeldía e á defensa da dignidade contra os poderes económicos", o que se traduciría nun voto a En Común-Unidas Podemos o 10N.

"Estamos seguros de que con voso empuxe teremos un Goberno de progreso, de esquerdas; veñen tempos incertos, difíciles e escuros, cunha extrema dereita instalada no Congreso que quere socavar os nosos dereitos", advertiu Gómez-Reino, quen chamou a contar "connosco", o slogan da súa campaña, "para non ceder un chisco das nosas liberdades".

Peche de campaña de Galicia en Común. GALICIA EN COMÚN

Neste sentido, a cabeza de lista pola Coruña destacou que "se hai un espazo granítico e rochoso para a extrema dereita, somos nós", tras o que sentenciou que "podemos ter un Goberno de esquerdas no que Galicia estea dentro".

CIDADáNS. Cidadáns Galicia despediuse co seu aspiración de conseguir escanos nas catro provincias da comunidade co obxectivo de pór "a España e Galicia en marcha".

Comentarios