Unha cantante da Panorama denuncia o acoso dun seguidor

Fátima Pego aproveitou a súa publicación en redes para animar a todas as mulleres a denunciar este tipo de actitudes machistas
Fátima Pego. EP
photo_camera Fátima Pego. EP

Fátima Pego, natural de Bastavales (Brión) e cantante dunha das orquestras máis coñecidas da comunidade galega, Panorama, denunciou a través das súas redes sociais o acoso por parte dun dos seus seguidores.

O individuo, mediante a súa conta de Instagram, enviou unha serie de mensaxes irrespetuosas e subidas de ton á vocalista, quen non dubidou en publicalos nas súas plataformas sociais, xunto co nome do usuario e un texto denunciando este tipo de actitudes machistas.

"Isto vai para ti e para todos os homes que se cren co dereito de falarlle a unha muller coma se fora un obxecto. Sodes patéticos. Impórtame moi pouco se che gustan ou non as miñas tetas", escribía Pego.

As mensaxes de rexeitamento ao comportamento do fan, así como os de apoio á cantante coruñesa, non tardaron en alagar as redes. "Vergoñento e denigrante..." ou "Moi ben feito, Fátima!" son algúns dos comentarios que publicaron os usuarios acompañando ao comunicado da intérprete.

CHAMAMENTO. Fátima Pego aproveitou a mensaxe denunciando os feitos para facer un chamamento a todas as mulleres que sofren este tipo de actitudes, animándoas a que non dubiden á hora de denunciar a situación. Nesta liña, finalizaba a súa publicación manifestando que está "cansada de que por ser muller, estar nun escenario e vestir sexy, sintades que tedes o dereito de falarnos nestes termos. E animo a todas as mulleres a que non se sentan intimidadas e denuncien, da forma que sexa, este tipo de violencia verbal".

UNHA REALIDADE FRECUENTE. O acoso a través de redes sociais non é algo que resulte alleo. Especialmente no caso das mulleres, as mensaxes de carácter sexista ou misóxino aparecen con frecuencia nas bandexas de mencións.

Unha investigación de Amnistía Internacional de finais de 2017 revelaba que, en España, un 19% de mulleres —1 de cada 5—, afirma sufrir acoso na rede.

Comentarios