Carlos Blanco: "Teño cousas en común na vida real con Oubiña"

Criouse na Arousa dos narcos que recrea 'Fariña' e, como moitos veciños, viviu a cara amarga da droga coa morte do seu irmán

Carlos Blanco. AEP
photo_camera Carlos Blanco. AEP

A historia que se conta na serie Fariña e que enganchou a media España é moi familiar para alguén nado en Vilagarcía a finais dos cincuenta como é Carlos Blanco. Quen mellor ca el, debeu pensar o director, para encarnar un dos capos da droga máis carismáticos: Laureano Oubiña.

Fariña estreouse envolta en polémica polo secuestro do libro e, por se fose pouco, no primeiro capítulo chegou a denuncia de Oubiña, o personaxe que interpreta. ¿A controversia alimenta a audiencia?

Si. Se non fose pola retirada do libro aínda non se tería estreado... De feito íase emitir en setembro ou máis tarde, xa que tamén hai outras series agardando.

¿Esperábase a denuncia? ¿E que fose por unha escena de sexo?

Si que a esperaba aínda que non por unha escena sexual. Pero se non fose por unha causa ía ser por outra; Oubiña tíñao planeado.

¿Que argumentos lle daría para que retirase a denuncia?

Ningún. Que faga o que queira. Eu diríalle que non perdese o tempo e o diñeiro, pero alá el.

¿É verdade que chegou a comer con Oubiña? ¿Como xurdiu o encontro e como transcorreu?

Si. Propúxomo el, aceptei e comemos. Preguntoume cousas e eu a el. Non podo contar máis porque foi unha conversa privada.

¿E como é nas distancias curtas?

Ten doses de humor e tamén de showman. Teño elementos en común con el, á parte do acento de Arousa (ri), e supoño que iso axudou a que me collesen no papel.

¿Agardaba vostede o éxito da serie?

Non, iso nunca o esperas. Teño participado en series que estaban brillantemente montadas e logo non tiveron feeling co público. Ao final, de dez series que se estrean só unha sae adiante. E hai que ter en conta que as americanas que chegan aquí son só as que triunfaron antes alí...

¿Foi difícil encarnar o capo?

Cando interpretas un personaxe real sabes que te van comparar con el. Unha das cousas que tiven que traballar foi interpretalo con menos humor e máis agresividade. Eu teño a tendencia á comedia e tiven que minimizala.

"O narcotráfico estaba tan normalizado que os gardas civís xogaban a partida cos que facían as descargas, como en Fariña"

 

El sempre mantivo que só traficou con haxix. ¿Vostede creo ou prefire non pronunciarse?

Non hai probas do contrario.

Máis dunha década antes de Fariña, en 2005, participou na película Heroína. Ambas tratan a droga pero desde distinta perspectiva. ¿Cre que nunha época na que as series de narcos están de moda tamén é necesario mostrar o sufrimento dos adictos e as súas familias?

É oportuno que mo preguntes porque se trata iso precisamente nun capítulo de Fariña, onde aparece Carmen Avendaño. Se hai sitio para unha cousa tamén o hai para a outra. Non podemos sacar os Maseratis e non as xeringas; hai que explicar tamén a consecuencia social. O curioso é que en Heroína fixen do marido de Avendaño, polo medio do xuíz Taín na serie Códice e agora son Oubiña. ¡Teño o triángulo perfecto! (ri).

Vostede viviu a súa xuventude en Vilagarcía. Eran os setenta e oitenta e supoño que a droga tocaría a achegados seus.

Moi de preto ademais: a droga levouse o meu irmán. Pero tocou a todo o mundo, a toda unha xeración, case perdida. Non había información e eles tontearon con todo. Por outra banda, o narcotráfico estaba tan normalizado na sociedade que vías os gardas civís xogando a partida cos que facían as descargas, como en Fariña. Todo o mundo sabía. Pero iso aínda non acabou. Agora non é tan obsceno, faise máis disimulado. A proba é que a droga segue entrando.

¿Podería volver unha época similar?

Non creo. Parece que iso podería suceder polo sur, en Andalucía. Aquí todo isto cambiou. Os narcos colombianos xa teñen as súas propias redes e eu creo que en Galicia non volverá corromperse a tanta xente, como Garda Civil, xuíces, políticos...

Sen deixar de lado a temática mafiosa, aínda que nun sentido ben diferente, está a ter moito éxito Somos Criminais, o dúo de humor que forma xunto a Xosé Touriñán. ¿Como xurdiu a idea?

Non é exactamente un dúo de humor. É un espectáculo de teatro no que quixemos facer algo diferente e creo que o acadamos, porque a resposta está sendo fantástica, con entradas esgotadas. A idea xurdiu precisamente na rodaxe de Fariña.

¿E por que Somos Criminais?

Foi idea de Touri. É un bo título porque ten dobre sentido, algo que tamén é moi do país. Porque criminal tamén pode ser algo bo.

O audiovisual galego está en auxe... ¿A que cre que se debe?

¿Ti cres? Eu non estou tan seguro. Hai moito talento pero faltan cartos, e son necesarios para exportar, que é esencial. Só co que se gasta en promoción nunha película americana nós poderiamos facer dúas. Nese senso, Fariña foi un puñazo na mesa. Foi como dicir: aquí está o audiovisual galego, mirade o que somos capaces de facer. E imaxinade con cartos.

Ademais de ser actor, tamén locutou en radio e presentou en televisión. ¿Con que se queda?

Co conxunto. Neste país parece que se fas dúas cousas máis ou menos ben es sospeitoso. Dá a impresión de que se presentas en tele non podes escribir un libro, ou se escribes non podes estar na radio.

Falando de xente multidisciplinar, vostede traballou ás ordes de Antón Reixa en O lapis do carpinteiro. ¿Gústanlle Os Resentidos?

Traballei con el tamén en Mareas vivas e en mil cousas máis. Unha vez dixen que traballaría con el ata limpando o plató (ri). É unha persoa moi importante para min. E por suposto que me gustan Os Resentidos, escóitoos desde o comezo!

Comentarios