Carmela Silva non irá ao pleno do 'enchufe' da súa cuñada e estuda denunciar ao PP

A popular Elena Muñoz responde: "Quen máis atentou contra a súa honra é ela mesma"

Carmela Silva. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
photo_camera Carmela Silva. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A tenente de alcalde do Concello de Vigo, Carmela Silva, anunciou que non acudirá ao pleno extraordinario deste mércores no que o PP pide a súa dimisión e a do concelleiro Santos Héctor polo enchufe para a contratación da súa cuñada, e ameaza con levar ao principal grupo da oposición aos tribunais.

Silva esgrimiu nunha conferencia de prensa que a proposta de resolución que se debaterá no pleno extraordinario, promovida polo PP, "afecta gravemente" aos seus dereitos á honra e á propia imaxe, como ratifica, segundo dixo, un informe que solicitou ao secretario do pleno.

Neste informe, indicou Silva, o secretario considera "mendaces" os termos empregados na proposta de resolución, que pide que tanto ela como Santos Héctor asuman responsabilidades "pola súa implicación política na contratación irregular" da cuñada da primeira, e que "dimitan inmediatamente".

A tamén presidenta da Deputación de Pontevedra subliñou que a sentenza que condena a cinco anos de cárcere a un alto funcionario municipal polo enchufe da súa cuñada non a cita en ningún momento nin alude á súa participación nos feitos probados.

Por iso, anunciou que encargará aos seus avogados que estuden as vías, "civís ou penais", polas que esixir responsabilidades ao PP polas súas "mentiras, calumnias e descualificacións".

Silva avanzou que achegará á súa hipotética querela gravacións das roldas de prensa do PP sobre este asunto e o contido das intervencións do pleno extraordinario do mércores. Silva asegurou estar disposta a chegar ao Tribunal Constitucional se é preciso.

"Quen máis atentou contra a súa honra é Carmela Silva"
A portavoz do PP, Elena Muñoz, atribuíu estas declaracións e "ameazas" de Silva " súa desesperación" porque "non se fale nada" sobre este asunto, e cre que con elas mostra a súa "verdadeira cara", á vez que revela que "a súa palabra non vale nada".

Muñoz leu o auto de desimputación da cuñada de Silva por prescrición do delito de tráfico de influencias e a condena do alto funcionario, nos que alude á relación familiar de Vanesa F. cunha destacada política municipal, e preguntouse se pretende estender a súa querela contra os xuíces que as asinaron.

A portavoz do PP de Vigo concluíu que "os xulgados ditaron a súa sentenza política" e que cada día que pasa, Silva está "inhabilitada para calquera cargo público". "Quen máis atentou contra a súa honra é Carmela Silva", aseverou Muñoz, quen garantiu que ante as súas "ameazas" no PP "non nos imos calar e iremos ata o final".

Neste sentido, informou de que onte a súa formación solicitou formalmente unha relación nominal de todo o persoal contratado polas concesionarias municipais e indicou que pretende facer o mesmo con todo o persoal interino de listas contratado nos dous últimos anos.

Esa iniciativa pretende dilucidar se "hai máis cuñadas, sobriños, familiares de membros do Goberno local" ou do PSOE no Concello ou nas concesionarias, dixo.

O portavoz da Marea de Vigo, Rubén Pérez, lamentou que a condena ao alto funcionario municipal polo enchufe de Silva derive nunha "procesión de ofendiditos" e dixo que o seu grupo aínda non decidiu acudir ao pleno do mércores, no que en todo caso absteríase ante a proposta de resolución do PP.

Comentarios