Os casos activos en Galicia elévanse a 2.439 tras unha semana de repuntas

A comunidade roza os 200 contaxios en 24 horas

 

Un estudante sométese a unha proba PCR. LAVANDEIRA JR. (Efe)
photo_camera Un estudante sométese a unha proba PCR. LAVANDEIRA JR. (Efe)

Os casos activos de coronavirus manteñen a tendencia ascendente en Galicia por sétima xornada consecutiva e sitúanse en 2.439, que son un 11,5% máis que hai unha semana como consecuencia de que se sumaron máis novos positivos que altas. Non en balde, os datos publicados este xoves pola Consellería de Sanidade revelan 199 novos casos en 24 horas, que son 41 máis que na xornada anterior. 

O balance, con cifras tomadas ata as seis da tarde do mércores, si amosa un mínimo descenso dos pacientes con covid ingresados en Uci, a 25 —un menos—, e dos hospitalizados noutras unidades, 157. 

Por áreas sanitarias, as infeccións activas soben en seis das sete que existen na comunidade, porque só se libra a de Santiago. Así as cousas, a de Vigo segue en cabeza con 625 casos, seguida da da Coruña (602). Están a distancia Pontevedra, con 375; Santiago (363), Ourense (205), Lugo (176) e Ferrol (93). 

REPUNTAN OS CONTAXIOS. En canto aos novos contaxios detectados con calquera tipo de proba, repuntan ata os 199 tras superar a barreira dos 200 o pasado sábado, logo de empezar esta semana con 126, subir a 165 o martes e baixar lixeiramente a 158 este mércores. Na última xornada confirmáronse 177 positivos con PCR, dos que 55 corresponden á área de Vigo; 39, á da Coruña; 23, á de Pontevedra; 19, á de Ourense; outros 19, á de Santiago; 14, á de Lugo; e oito, á de Ferrol. 

Desde o inicio da pandemia realizáronse na comunidade 1.936.140 probas PCR, que son 7.084 máis que as contabilizadas ata a xornada anterior. En canto á taxa de positividade, segue nun 2%, tras descender o luns a un 1%, polo que continúa por baixo do 5% sinalado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

VÍTIMAS E CURADOS. A pandemia deixa ata o momento en toda Galicia 2.371 persoas falecidas ás que se lles diagnosticara covid-19, tras informar Sanidade este mércores da morte dunha muller de 78 anos no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac). 

Ata a data superaron o covid na comunidade 114.466 pacientes, 159 persoas máis que o día anterior. 

Restricións revisadas
A Xunta anunciou este mércores unha relaxación do inicio do toque de queda, que pasa das 22.00 horas ás 23.00, e unha ampliación do horario para os restaurantes, que poderán abrir ata esa hora se cumpren unha serie de condicións.

Incidencia 
A acumulada por Galicia nos últimos 14 días rolda os 77 casos por cada 100.000 habitantes, e é a cuarta máis baixa do mapa autonómico. Só as de Galicia, Comunitat Valenciana, Balears e Murcia están por baixo de 100, mentres que a media de España supera os 200.

Comentarios