Os casos activos en Galicia pasan de 224 a 218

Do total de contagios activos, 148 corresponden á área de Lugo
Hospital da Mariña, en Burela.JMª ÁLVEZ
photo_camera O Hospital da Mariña, en Burela, conta con catro pacientes de Covid-19 ingresados. J. Mª ÁLVEZ

Os casos activos por coronavirus en Galicia descenderon en seis en relación á pasada xornada –ao pasar de 224 a 218–. Así mesmo, baixan na área de Lugo, aínda que esta, onde se rexistrou un brote significativo na Mariña, acumula un total de 148 deses casos; a maior subida –catro casos– experiméntase na área da Coruña, que tamén notificou un brote en Betanzos nos últimos días.

En concreto, segundo a última actualización de Sanidade, dos 218 casos positivos, 148 corresponden á área de Lugo –12 menos que no parte do venres–; 31 da Coruña e Cee –catro máis–; sete de Santiago e Barbanza –sen cambios–; 17 de Vigo –tamén sen cambios–; cinco de Ourense –sobe nun–; un de Ferrol –igual– e nove de Pontevedra –sobe nun–.

Do total de pacientes positivos, mantéñense en seis os que permanecen en unidades de hospitalización convencional –catro deles, no Hospital da Mariña– e un na Uci –en Vigo–, mentres que os 211 restantes atópanse en seguimento domiciliario.

Dentro do total de casos rexistrados en Galicia hai un vinculado con residencias de maiores, segundo concreta Sanidade, que corresponde a un traballador dun centro de Burela, mentres os xeriátricos seguen sen usuarios infectados.

Sanidade apunta que, ata a data, curáronse en Galicia 11.054 persoas, 20 máis que a xornada anterior, e faleceron 619 pacientes con Covid. A última vítima foi notificada o 10 de xuño, que se corresponde cun home de 83 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Do total, 274 estaban vinculadas con residencias.

O número de PCR realizadas ata a data na Comunidade galega ascende a 231.082.

Comentarios