lunes. 28.09.2020 |
El tiempo
lunes. 28.09.2020
El tiempo

Os casos de coronavirus seguen en aumento en Galicia

Un home e unha nena con máscara nun patinete. ADP
Un home e unha nena con máscara nun patinete. ADP
Os infectados alcanzan os 321, 13 máis que na xornada do sábado

Os casos activos en Galicia incrementáronse en 13 este domingo, ata situarse en 321, máis dun terzo dos cales volven corresponder á área sanitaria da Coruña, que segue sendo a que ten máis cantidade e a que rexistra o ascenso máis pronunciado, de acordo cos datos da Consellería de Sanidade.

A área sanitaria da Coruña e Cee rexistra un gromo relacionado cun ximnasio en Arteixo que suma xa 39 casos positivos, oito máis que o sábado. Toda a área rexistra 118 casos activos este domingo, once máis que o sábado.

Galicia encadea, coa subida deste domingo, dez xornadas consecutivas á alza neste indicador. En concreto, soben os casos activos tamén en Vigo, que ten sete máis que o sábado e un total de 63. O sábado coñeceuse nesta área o seu sexto gromo, relacionado cunha celebración familiar que acumulaba, segundo os últimos datos, cinco positivos.

A área de Ourense ten un caso activo máis que o sábado e alcanza os 18, mentres que en Ferrol mantéñense os mesmos dous casos deste sábado. O resto de zonas rexistran descensos, de modo que en Lugo hai catro menos e o total é de 70; e Santiago e Pontevedra sitúanse ambas en 25 tras reducirse nun o número de casos activos.

HOSPITALIZACIÓNS. No tocante a hospitalizacións, baixan nun caso, ata doce. Ademais, unha persoa segue na Uci, mentres que 308 permanecen no seu domicilio –14 máis que o–sábado .

Ata este domingo, Galicia rexistra un total de 11.302 curados –13 máis que no parte anterior– e 619 falecementos, dos que 274 están relacionados con residencias de maiores. A cifra de mortes que deixa a pandemia na comunidade permanece sen variación desde o pasado 10 de xuño.

DOUS CASOS EN RESIDENCIAS. En canto aos casos de Covid-19 en residencias, mantéñense en dúas, despois de que o venres transcendese un novo contaxio, xa que deu positivo un traballador da residencia de maiores de Paradela.

Este caso súmase ao positivo dunha traballadora dun centro de Xove que, segundo fontes próximas, contaxiouse, do mesmo xeito que outros familiares, por unha visita procedente de Cataluña.

O número de PCR realizadas en Galicia ata o momento é de 253.196, 1.511 máis con respecto aos datos do sábado.

Os casos de coronavirus seguen en aumento en Galicia
comentarios