Catro persoas feridas, dúas delas graves, nun accidente en Xinzo de Limia

O choque entre os dous vehículos produciuse na parroquia de Sabucedo, na recta de Lamas e Ponte Liñares

Estado no que quedou un dos coches accidentados. TVG (Xinzo de Limia)
photo_camera Estado no que quedou un dos coches accidentados. TVG (Xinzo de Limia)

Catro persoas resultaron feridas, dúas delas graves, tras o choque entre dous vehículos en Xinzo de Limia (Ourense), nun sinistro ocorrido ao redor das 10.15 horas deste sábado. 

Así o informou o servizo de emerxencias do 112 Galicia que, tras ter constancia do sinistro, puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros de Xinzo de Limia, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e Protección Civil da localidade e da Porqueira. 

O accidente produciuse en concreto na parroquia de Sabucedo, na recta de Lamas e Ponte Liñares. Un dos feridos tivo que ser liberado polos bombeiros de Xinzo de Limia. 

Até o lugar tamén se mobilizou ao helicóptero medicalizado con base en Ourense que, tras tomar terra nunha parcela próxima ao accidente, evacuou a dous feridos graves ao centro hospitalario de referencia. 

Así mesmo, o 112 informou ao persoal da empresa distribuidora de electricidade, debido á caída dun poste como consecuencia do accidente.