Catro xornadas abordarán as boas prácticas culturais nos territorios do Camiño

A iniciativa, impulsada pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, está enmarcada no programa O Teu Xacobeo ► Arranca o 3 de setembro en Lugo

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) vai desenvolver en setembro a programación Boas Novas no Camiño, unha iniciativa divulgadora enmarcada no programa O Teu Xacobeo da Xunta que ten como obxectivo crear sinerxías e espazos de diálogo entre prácticas culturais galegas e proxectos de obxectivos similares que se desenvolven noutros países europeos, como Portugal, Francia, Dinamarca, Italia ou Reino Unido.

Boas novas no CamiñoSerán en total catro xornadas nas que se tentará dar resposta ás necesidades culturais dos territorios a través do coñecemento e a análise de experiencias de proxectos relevantes e sustentables, co obxectivo de poñer en valor as iniciativas culturais presentes no Camiño de Santiago. 

Participarán nos encontros expertos internacionais e galegos vinculados ao proxecto Banco de Boas Prácticas para a Xestión Cultural, desenvolvido pola AGPXC co apoio da Deputación da Coruña, e que reúne 100 proxectos culturais "inspiradores" cuxa transferencia pode axudar a mellorar e profesionalizar o sector cultural. O colectivo salienta que entenden a sustentabilidade dun xeito transversal, coidando en todas as súas propostas aspectos como igualdade, a diversidade, o territorio e as persoas que o habitan.

Participarán na iniciativa expertos do ámbito galego, estatal e internacional vinculados ao proxecto 'Banco de Boas Prácticas para a Xestión Cultural'

Ao longo de catro semanas desenvolveranse conferencias, seminarios, foros e xornadas formativas, arredor de diversos ámbitos de actuación. No eido artístico sera a través da música e as artes escénicas; en canto ao patrimonio material, tocaranse a arquitectura, a xeografía e a etnografía; e no ámbito do patrimonio inmaterial, a temática escollida sera a gastronomía.

As sesións desenvolveranse todos os venres do mes de setembro a partir das 17.00 horas. A primeira xornada será en Lugo, o día 3. A segunda celebrarase en Ribadavia o venres 10; a terceira, en Tui o día 17, e pecharase o ciclo en Betanzos o venres 24 de setembro.

As inscricións para participar de modo presencial poden realizarse a través do enderezo [email protected].

Comentarios