Cazado un veciño de Oímbra de 69 anos cando transportaba plantas de marihuana nun tractor

Foi detido como presunto autor dun delito de cultivo e elaboración de drogas

Un veciño de 69 anos de idade da parroquia de San Cibrao, no municipio ourensán de Oímbra, foi pillado pola Garda Civil cando transportaba nun tractor 21 plantas de marihuana duns 60 centímetros de altura.

Segundo informou a Garda Civil, axentes de Verín detiveron á 1.40 horas deste martes a este veciño de Oímbra, que responde as iniciais A.A.G., como presunto autor dun delito de cultivo e elaboración de drogas.

O detido foi localizado nunha pista forestal próxima ao seu domicilio conducindo un tractor no que transportaba as 21 plantas de marihuana e que, polo tanto, eran visibles no remolque do vehículo agrícola.

Cando observou aos axentes, o agora detido intentou darse á fuga. Unha vez interceptado, relatou aos axentes que ía cambiar as plantas de leira posto que sabía que localizaran a súa plantación. Leva o caso o Xulgado dous de Verín.

Comentarios