Centos de persoas saen á rúa en toda Galicia ante a "emerxencia lingüística" do galego

Queremos Galego insta á Xunta a atender as demandas do Consello de Europa sobre o decreto do idioma e os dereitos lingüísticos 
Manifestación na Coruña.CABALAR (Efe)
photo_camera Manifestación na Coruña.CABALAR (Efe)

Centos de persoas saíron á rúa nas sete principais cidades para reclamar á Xunta que actúe ante a situación de "emerxencia" que vive o idioma e esixir que cumpra as demandas realizadas polo Consello de Europa para anular as limitacións ao ensino de galego nos centros e garantir os dereitos lingüísticos dos cidadáns na administración e a xustiza.

A protesta foi convocada pola plataforma Queremos Galego tras as advertencias feitas públicas polo comité de expertos da CE, en relación ao grao de cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Nela advertíase do retroceso da lingua galega tanto na caída de falantes como na transmisión interxeracional, a atención ao cidadán na administración ou na educación.

Co lema Emerxencia lingüística. Precisamos do galego, a plataforma celebrou mobilizacións simultáneas en sete cidades, a partir das 20.00 horas.

En Santiago, decenas de persoas déronse cita na Praza do Toural, a pesar da climatoloxía adversa, coreando consignas como Na Galiza en Galego, tras unha pancarta na que se lía Máis que nunca , queremos galego

O portavoz da plataforma, Marcos Maceira, apelou a "manter a mobilización social", con "centos de persoas saíndo á rúa" reclamando que o decreto do idioma "morra dunha vez".

Neste sentido, asegurou que aínda se pode "seguir exercendo presión" desde o movemento social e avanzou que se entrevistará en xaneiro en Estrasburgo co secretario da Carta Europea das Linguas.

POLÍTICA "CONTRA O GALEGO"

Un grupo de representantes do alumnado de Medicina foi o encargado de ler o manifesto das mobilizacións, no que a plataforma advirte da "política contra o galego" representada no "mal chamado decreto do plurilingüismo" e a "evidente" exclusión do idioma na administración, a xustiza e as actividades socioeconómicas.

Así e "froito das denuncias" e informes presentados por diferentes entidades, o Consello de Europa deu "instrucións claras" ao Goberno central e autonómico "para que garantan" o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias.

"A emerxencia lingüística en Galicia ten solución. Necesitamos do galego para activar todas as nosas capacidades como pobo, pero tamén compromiso real e efectivo dos gobernos, empezando polo que está obrigado legal e moralmente, o noso, a Xunta", conclúe.

Os actos repetíronse ao longo da xeografía galega, con outras concentracións na Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo. Alí, autores e creadores como Manuel Rivas, Kiko da Silva, Pepe Carreiro ou Marica Campo fixeron lectura do documento nas diferentes localidades. 

Comentarios