Centos de xuízos suspendidos na segunda xornada de folga na Xustiza

El seguimiento se mantiene en el 90%, según los sindicatos, aunque la Xunta lo rebaja al 42%

Concentración de funcionarios en A Parda. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Concentración de funcionarios en A Parda. OLGA FERNÁNDEZ

A segunda xornada de folga indefinida na xustiza en Galicia arrincou este xoves cun seguimento próximo ao 90 por cento nos xulgados galegos, onde se produciu a suspensión de centenares de xuízos, segundo os datos facilitados a Europa Press por distintas fontes sindicais. 

En concreto, segundo informou o Comité de Folga, a porcentaxe de traballadores públicos do sector xudicial autonómico que a secundan sitúase entre o 81 por cento e o 95 por cento nas cidades, cifras similares á primeira xornada. 


Así, o seguimento máis elevado, con datos sindicais, está en Vigo e Pontevedra, onde non traballan o 95 por cento dos empregados públicos. Na cidade olívica, este xoves suspendéronse 150 xuízos e hai 800 demandas bloqueadas, mentres que nos xulgados da Parda, na cidade do Lérez, traballan seis persoas e tivéronse que suspender numerosos xuízos, entre eles dúas vistas por casos de abusos sexuais. 


En Ourense, pola súa banda, o paro é lixeiramente superior ao da primeira xornada, indican fontes sindicais, do 94,4 por cento. Suspendéronse 69 xuízos, sete tomas de declaracións, unha videoconferencia, unha roda de recoñecemento e unha exploración. 


En Lugo o seguimento rolda o 87,3 por cento, con 23 traballadores en activo, mentres que en Ferrol sitúase no 83 por cento. Na Coruña, con 120 xuízos suspendidos, participan no paro o 81 por cento dos traballadores.

A XUNTA REBAIXA O SEGUIMENTO. A Xunta de Galicia, pola súa banda, rebaixou ata o 42,11 por cento o seguimento da segunda xornada de folga na xustiza, un dato similar ao proporcionado este mércores. 


A través dun comunicado, a Administración galega asegurou que os servizos mínimos están a cumprirse na súa totalidade e que participan no paro 1.137 traballadores dun total de 2.700. 
Por provincias, os datos da Xunta indican un seguimento nos paros do 40,12 por cento na Coruña, do 35,92 en Lugo, do 49,27 en Ourense e do 48,91 en Pontevedra. No cálculo destes datos inclúe que 118 funcionarios non acudiron aos seus postos por ausencia xustificada e 770 cumpriron servizos mínimos. 


A Xunta mostrou o seu "respecto ao exercicio do dereito de folga dos traballadores", aínda que apelou á súa "responsabilidade" para non "prexudicar á cidadanía" e mantivo a súa "disposición a dialogar".

Comentarios