A Ciaf pecha definitivamente a investigación sobre o accidente de Angrois

A comisión di que "estudará" as peticións das vítimas

Un cartel ante as vías en Angrois. PEPE FERRÍN
photo_camera Un cartel ante as vías en Angrois. PEPE FERRÍN

A Comisión de investigación de accidentes ferroviarios (Ciaf) decidiu este venres, tras reunir ao seu pleno, "estudar" as peticións das vítimas, pero non reabrirá o informe técnico elaborado despois do accidente do tren Alvia ocorrido en xullo de 2013, que deixou 80 mortos e 144 feridos. 

Fontes da Ciaf confirmaron a Europa Press que o pleno considerou que "nestes momentos non hai novos datos nin información que xustifique unha reapertura do informe técnico do accidente" de Santiago.  "No entanto, debido ás peticións recibidas e á vista da composición actual do pleno, ábrese un período para estudar a posibilidade de realizar algunha acción ou análise adicional, en base á documentación existente", decidiu a comisión de investigación. 

As vítimas do sinistro de Angrois pediron aos integrantes da comisión de investigación de accidentes ferroviarios que lesen "en profundidade e con ollos críticos o informe completo" da Axencia Ferroviaria Europea (Era nas súas siglas en inglés).  Respecto diso, a plataforma de vítimas do Alvia recordou que o informe da Era concluíu que a comisión non cumprira "de forma adecuada coa obrigación de investigación de accidentes". Ademais de pedir que se estudase a reapertura da investigación, as vítimas reclamaban ter en conta distintas propostas. 

Do mesmo xeito, na carta dirixida polas vítimas á Ciaf ante a reunión que tiña lugar este venres, pedíase valorar "a idoneidade e independencia" de todos os membros da Ciaf e solicitaban "que se realizase unha nova investigación completa con metodoloxías recoñecidas internacionalmente, sen a interferencia e dependencia da investigación anterior".

Comentarios