Cifran en 7.000 euros os danos por rodas picadas o luns pola folga de ambulancias

Os empresarios localizan os actos de sabotaxe en Vigo, O Porriño, Redondela, Moaña, Nigrán, Ponteareas, Cangas e Baiona

Imagen de la ambulancia calcinada en Tui. FEGAM
photo_camera Imagen de la ambulancia calcinada en Tui. FEGAM

Os empresarios do sector do transporte sanitario en Galicia estiman en máis de 7.000 euros o gasto por rodas picadas en ambulancias na tarde do luns tras a reunión convocada polo Consello Galego de Relacións Laborais á que asistiron representantes da patronal e dos sindicatos UXT, CIG e Comisións Obreiras. 

Segundo os datos facilitados pola patronal a Europa Press, en Vigo oito vehículos de transporte sanitarios rexistraron danos na tarde deste luns; seis coas catro rodas picadas, unha ambulancia con dúas e outra con pintadas. 

Mentres, na localidade pontevedresa do Porriño unha ambulancia rexistrou tres rodas picadas. Na mesma provincia outras tiveron as catro rodas picadas nos municipios de Redondela (dous vehículos), Ponteareas, Moaña, Nigrán, Cangas e Baiona. 

Fontes da patronal manifestaron que durante a madrugada deste martes non teñen constancia doutras incidencias e destacaron que cada pneumático ten un custo duns 120 euros, polo que calculan en máis de 7.200 euros o desembolso destas incidencias. 

Estes incidentes enmárcanse no segundo tramo de folga convocado polas tres centrais sindicais en Galicia para reivindicar un novo convenio, que se desenvolve entre o 18 e 24 de febreiro.

MOBILIZACIÓNS. Así mesmo, este martes están convocadas concentracións en varios hospitais e o mércores fixaron unha manifestación en Santiago. Posteriormente, o terceiro tramo de folga terá lugar do 4 ao 10 de marzo e o paro converteríase en indefinido desde o 20 de marzo en caso de non alcanzarse antes un acordo. 

Ambas as partes están convocadas na tarde do xoves 28 de febreiro a unha nova reunión no Consello Galego de Relacións Laborais en Santiago de Compostela para tratar de alcanzar un acordo. 

Rueda: "O conflito é entre traballadores e empresas"
Traballadores do transporte sanitario en Galicia volvéronse a concentrar este martes en diversos puntos da comunidade galega para reivindicar un novo convenio para o sector das ambulancias. 

Os sindicatos consideran que "só cabe un preacordo o un acordo" para desconvocar a folga, cuxo terceiro tramo está fixado entre o 4 e 10 de marzo e converteríase en indefinida desde o 20 do próximo mes.

Tras o abordado na reunión deste luns, están "lonxe de ter un acordo", polo que instan á Xunta a "facer o seu papel" como responsable do servizo. Neste sentido, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quixo deixar "claro" este martes que "o conflito é entre traballadores e empresas privedas" e que é " nese ámbito" no que se ten que resolver. "A administración o que ten que facer é que o servizo se manteña, e máis nun servizo tan fundamental. Por iso facemos chamamento de rersponsabildide e condena cando se producen queimas de ambulancias", engadiu.

Comentarios