Colisión por alcance entre un coche e un camión en Allariz

O condutor do vehículo resultou ferido de consideración

Un accidente entre un coche e un camión na A-52, á altura do punto quilométrico 208, no municipio de Allariz, deixou ao condutor dun turismo ferido de consideración na mañá deste sábado.

Sobre as doce do mediodía, varios particulares contactaron co 112 Galicia para informar do sinistro na parroquia de Santa María de Meire.

Segundo a información facilitada aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Urxencias, o condutor estaba a cambiar unha das rodas do vehículo cando foi alcanzado polo camión. A causa do impacto, o home saíu despedido.

Unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias trasladou ao ferido ao centro hospitalario de referencia.

O operativo contou coa colaboración dos Bombeiros de Xinzo de Limia e axentes da Garda Civil de Tráfico. A Policía Local tamén foi informada por se fora necesaria a súa intervención.