A comisión do Alvia arrincará a finais de xuño coa intervención das vítimas

Tamén comparecerán os exministros José Blanco, Ana Pastor e Rafael Catalá

O presidente da comisión de investigación sobre o accidente ferroviario de Angrois, Feliu Joan Guillaumes, durante a reunión deste mércores no Congreso dos Deputados. ZIPI (EFE)
photo_camera Ou presidente dá comisión de investigación sobre ou accidente ferroviario de Angrois, Feliu Joan Guillaumes, durante a reunión deste mércores non Congreso dous Deputados. ZIPI (EFE)

A Comisión que investigará no Congreso o accidente do Alvia ocorrido en Angrois en xullo de 2013 comezará a finais deste mes de xuño coas comparecencias das vítimas do sinistro, no que faleceron 80 persoas.

Así o avanzou o presidente da Comisión, Feliu-Joan Guillaumes, tras a reunión na que os grupos parlamentarios acordaron de xeito unánime o plan de traballo para os próximos meses.

As dúas asociacións de vítimas serán as primeiras en comparecer na comisión, seguidas de dúas vítimas particulares, o equipo técnico de Adif e Renfe e os cargos políticos responsables, entre os que se atopan os exministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor e o exministro de Xustiza Rafael Catalá.

O maquinista e o interventor do tren sinistrado tamén acudirán a esta comisión, que se reunirá mínimo unha vez á semana e contará cun total de 49 comparecencias co obxectivo de esclarecer as causas do accidente ferroviario de Santiago.

A portavoz de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, manifestou que a comisión "ten que coller o maior ritmo posible" polo que os traballos continuarán durante o mes de xullo.

Desde En Marea pediron que sexan as vítimas as que pechen a comisión, aínda que neste punto non houbo acordo e deixouse aberto en aras de chegar a un consenso.

"Entendemos que é imprescindible que a plataforma de vítimas dea a súa opinión ao final", asegurou Fernández, quen engadiu que esta comisión é para "dar resposta" ás demandas das vítimas.

Así mesmo, pediu ao novo ministro de Fomento, José Luís Ábalos, que "asuma a responsabilidade" e "reabra" a investigación iniciada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF).

Comentarios