O comité de Alcoa solicita unha reunión coa ministra Reyes Maroto en Cervo

A empresa anunciou unha rebaixa da produción na planta mariñá
Fábrica de Alcoa de San Cibrao.ELISEO TRIGO (Efe)
photo_camera Fábrica de Alcoa de San Cibrao.ELISEO TRIGO (Efe)

O comité de empresa de Alcoa na planta de Cervo solicitou unha entrevista in situ coa ministra de Industria, Reyes Maroto, despois da última rebaixa de produción anunciada pola multinacional.

Os traballadores entenden que esta decisión da Dirección de Aluminio da factoría cervense trataríase "do seguinte paso no camiño dun posible apagado e cesamento da produción na planta de San Cibrao". "Vémonos reflectidos no acontecido coas fábricas da Coruña e Avilés; fábricas que actualmente manteñen pechado o departamento de electrólise e dedicándose soamente á refusión de aluminio", denunciaron.

Así mesmo, alegaron "a dependencia que mantén o territorio con esta industria, case exclusiva, dando traballo a case catro veces máis traballadores, polo que o seu posible peche suporía unha auténtica catástrofe para os 100.000 habitantes da comarca da Mariña.

A situación desta crise na industria do aluminio é, tal e como recordaron desde o comité de empresa, o elevado prezo da electricidade e a "necesidade urxente" de aprobar un estatuto enerxético para as industrias electrointensivas -que servirá para igualar o prezo da enerxía con outros países da contorna-.

Os traballadores de Alcoa tamén apuntaron que "para que haxa avances ten que haber un Goberno constituído". "É unha irresponsabilidade por parte dos políticos a actual situación na que, a máis de tres meses das últimas eleccións, non existe un executivo constituído", indican, e instan os partidos a facilitalo, "xa que a súa ausencia pode causar o peche de industrias básicas para o motor económico dun país", como é o caso de Alcoa.

Este é o motivo polo que o comité de empresa, ademais de solicitar este mércores unha reunión urxente coa dirección da multinacional en España, solicitou "por escrito e por segunda vez" unha entrevista coa ministra de Industria en funcións. Desde a planta de San Cibrao "invitan" a Reyes Maroto a coñecer "a factoría" para que poida ver "de primeira man" as súas instalacións.

Así mesmo, invitaron á ministra a visitar a comarca da Mariña, "xa que sería o mellor xeito de visualizar a dependencia que ten desta industria", e desta forma aproveitar para "transmitirlle a importancia de sacar adiante o estatuto de enerxía canto antes". "Sería unha visita que podería dar tranquilidade a Alcoa, e polo tanto aos traballadores e ao conxunto da comarca", apuntaron desde o comité de empresa.

Comentarios